Pestanas principais

A empresa amesá D3 Applied Technologies convértese nun referente a nivel mundial na industria naval e nos sectores aeronáutico, civil e industrial

Mércores, 31 de xullo de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, participou esta mañá xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na visita á empresa D3 Applied Technologies, que está situada no parque empresarial do Milladoiro. Trátase dunha empresa que desenvolve solucións tecnolóxicas para embarcacións de competición, o sector aeronáutico, as enerxías renovables, a industria ou o eido naval. É un referente a nivel mundial na industria naval, así como nos sectores aeronáutico, civil e industrial.

No parque empresarial do Milladoiro teñen a súa sede diversas empresas relacionadas cos sectores tecnolóxico e do audiovisual. Unha destas empresas é D3 Applied Technologies, que desenvolve solucións de I+D+i para a industria naval e para os sectores aeronáutico, civil e industrial.

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na visita que fixeron a esta empresa amesá. Na visita tamén participaron a concelleira de Promoción Económica e Innovación do Concello de Ames, Ana Belén Paz, e mailas voceiras dos grupos municipais do Partido Popular, Oliva Agra; Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín; e Espazo Comín, Luísa Feijóo.

As autoridades autonómicas e municipais foron recibidas por Gonzalo Redondo, CEO da empresa. Durante a visita Gonzalo Redondo explicoulles o traballo que realiza o equipo de D3 Applied Technologies, que está formado por un grupo de científicos, enxeñeiros e colaboradores externos con experiencia contrastada e recoñecida no seu campo de especialización.

En D3 Applied Technologies apostan polos métodos numéricos e a simulación, tanto desenvolvendo metodoloxías de deseño de última xeración como investindo en equipos de supercomputación para potenciar o rendemento dos seus deseños e dos seus clientes. Principalmente deseñan barcos de competición, pero tamén traballan con barcos profesionais, deportes de agua ou en outros sectores como el aeronáutico ou civil. Formaron parte de equipos de deseño de alta competición como a America’s Cup e a Volvo Ocean Race.

Ames, punteiro en innovación, tecnoloxía, comunicación e audiovisual
Durante a visita o alcalde de Ames, Blas García, deulle as gracias ao presidente da Xunta e á conselleira de de Economía e Industria “por interesarse e coñecer o que facemos en Ames. Algunhas veces nin os propios veciños e veciñas de Ames son coñecedores do potencial que temos no noso concello. Dispoñemos dun importante polo tecnolóxico e de innovación no parque empresarial do Milladoiro. Empresas como D3 Applied Technologies son un referente e permiten que dende O Milladoiro se traballe no deseño de barcos que compiten na Copa América ou nos Xogos Olímpicos”.

Ademais, Blas García engadiu “sentímonos moi orgullos do que se fai no noso concello. Ames podemos dicir que é as ás de Galicia, porque somos punteiros en innovación, tecnoloxía, comunicación e audiovisual, pero tamén a nivel demográfico, xa que somos o único concello galego con saldo vexetativo positivo. Aproveito este acto para solicitar a colaboración da Xunta de Galicia, para que Ames continúe avanzando e para que empresas como a que hoxe visitamos sigan medrando”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel dos emprendedores á hora de xerar emprego de calidade na comunidade, subliñando que estes son “os que crean riqueza e os que de verdade lle dan valor engadido ás ideas que teñen”. Durante a visita ás instalacións de D3 Applied Tech lembrou o compromiso da Xunta coas iniciativas empresariais. Así, recordou que a través da Oficina Económica de Galicia “intentaremos acompañar os proxectos para que todo sexa áxil e para que a burocracia non sexa un problema”, achegando tamén axudas puntuais para “despois multiplicar todas as oportunidades”.

Reter o talento innovador e atraer investimentos
Ademais, o presidente da Xunta salientou a firme aposta da Xunta por reter o talento innovador e atraer investimentos. Neste eido, a Administración autonómica conta con medidas para fomentar a posta en marcha de proxectos, como a Rede de Polos de Emprendemento (14 centros espallados por toda a comunidade nos que os emprendedores reciben orientación e asesoramento durante todo o proceso); unha liña de axudas para os gastos de lanzamentos das startups (1,5 millóns de euros na convocatoria deste 2024); ou unha rede de aceleradoras desde as que se aposta por dar pulo a proxectos innovadores mediante a colaboración público-privada, entre outras iniciativas.

Por outra banda, o Goberno autonómico traballa desde hai anos para reducir e axilizar os trámites que teñen que realizar as empresas á hora de poñer en marcha un negocio. Para iso, ademais da Oficina Económica de Galicia, que actúa como única canle para facilitar os trámites que teñen que realizar os empresarios, existen diferentes liñas de axudas para fomentar a innovación no tecido produtivo ou promover investimentos para renovar e modernizar o seu equipamento.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Empresas punteiras a nivel mundial sitúan a Ames como un referente no eido tecnolóxico"

La Voz de Galicia: "Blas García pide a Alfonso Rueda apoyo para «manter a senda do crecemento de Ames»"

A empresa amesá D3 Applied Technologies convértese nun referente a nivel mundial na industria naval e nos sectores aeronáutico, civil e industrial

Multimedia

  • A empresa amesá D3 Applied Technologies convértese nun referente a nivel mundial na industria naval e nos sectores aeronáutico, civil e industrial