Pestanas principais

En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio

Martes, 18 de xaneiro de 2022

Este luns 17 de xaneiro deron comezo as reformas na Casa da Cultura do Milladoiro, que dotarán ao vestíbulo dun novo alumeado, actuarán sobre a luz natural das oficinas e instalarán unha varanda de vidro no primeiro andar do auditorio, co fin de mellorar a visión e a circulación do público. O proxecto foi adxudicado no pasado mes de agosto, cun orzamento de 96.800 euros sufragados co plan POS+ 2020 da Deputación da Coruña, e incluía obras en ambos centros socioculturais, que empezaron en Bertamiráns o pasado luns 10. Deste xeito, quedarán afectadas as actividades que se ían desenvolver nos próximos meses no auditorio, como a escola de teatro ou varias das representacións do programa de artes escénicas de Ames de 2022.

A Xunta de Goberno Local do pasado 12 de agosto de 2021 acordara a adxudicación de múltiples actuacións nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns á empresa Área Proyección, Construcción e Servicios S.L.U., cun orzamento de 96.800 euros. Dende este luns, co inicio das obras no Milladoiro, ambas reformas xa están en marcha, despois de que o pasado día 10 comezaran no centro sociocultural de Bertamiráns. O proxecto está sufragado pola Deputación da Coruña, a través dos fondos do POS+ 2020.

As obras xa comezaron no auditorio, que experimentará importantes cambios no seu primeiro andar. Substituiranse as varandas existentes por unhas novas de vidro, co fin de mellorar a circulación e a visión do público. Consistirán en perfís en forma de “U” de 110 centímetros de altura, elaborados con aliaxe de aluminio, acabado lacado e con vidro laminar, formado por dúas lúas de oito milímetros de espesor unidas por dúas láminas de PVB.

As melloras na Casa da Cultura do Milladoiro incluirán tamén un novo alumeado para o vestíbulo, que contará con tres sistemas de iluminación pensados para distintos escenarios. Haberá un alumeado xenérico, a base de luminarias pendulares, e outro indirecto, con tiras LED que poden mudar de cor,  aos que se sumarán un conxunto de proxectores orientables específico para exposicións ou eventos que se poidan celebrar no espazo.

Por outra banda, os despachos e a sala de usos múltiples contará con novos estores de 180 centímetros de altura e láminas de control solar, co fin de mellorar o impacto da luz natural nestes espazos, evitando reflexos nos equipos informáticos e facilitando o traballo do persoal municipal. Por último, pintaranse as paredes do edificio.

A programación de artes escénicas muda de sede e datas ata abril

As catro obras da programación de artes escénicas para adultos que se ían celebrar ata o mes de abril no Milladoiro cambiarán a súa sede a Bertamiráns, ao quedar imposibilitada a súa celebración por mor das obras. Os espectáculos afectados son “O mozo da última fila”, o 28 de xaneiro; “Drop”, o 4 de febreiro; “Libre coma os paxaros”, o 18 de febreiro, e “As que limpan”, o 18 de marzo. A actividade retornará ao Milladoiro o venres 1 de abril, co espectáculo de danza “DeMente”.

Ademais, as representacións do itinerario infantil tamén se verán afectadas, e non só cambiarán de sede a Bertamiráns, senón que tamén mudarán de data aos xoves. Deste xeito, “Ás para Álex” terá lugar o 10 de febreiro; “Asdomare”, o 17 de marzo, e “Aibō”, o 24 de marzo.

A programación de artes escénicas de Ames da primeira metade de 2022, actualizada con estes cambios, pode consultarse premendo nesta ligazón.

A escola de teatro cambiará de espazo na Casa da Cultura do Milladoiro

As actuacións no auditorio afectarán ao desenvolvemento da actividade da escola de teatro, que habitualmente ten lugar os mércores neste espazo. No seu lugar, dende esta semana desprazaranse á sala 4 do centro sociocultural, que serve como aula de usos múltiples.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Las obras de la Casa da Cultura do Milladoiro obligan a trasladar las actuaciones hasta abril"

El Correo Gallego: "Reforman la casa de la cultura de Milladoiro y ‘desvían’ a la capital el teatro"

Compostela 24 Horas: "En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio"

En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio

Multimedia

  • En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio
  • En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio
  • En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio
  • En marcha as obras de mellora da Casa da Cultura do Milladoiro, afectando á actividade do auditorio