- Tematica
Este mércores 29 de xuño o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, xunto cos concelleiros de Urbanismo e Rural, Víctor Fernández e Santiago Márquez, visitaron o proxecto de reurbanización que se está levando a cabo en Horta de Abaixo, en Bertamiráns. O proxecto, no que se investiu preto de 270.000 euros, está incluído no plan POS 2021 da Deputación da Coruña, e servirá para mellorar o estado e a accesibilidade do espazo público.
O Goberno municipal vén de realizar unha visita á urbanización de Horta de Abaixo, en Bertamiráns, co fin de comprobar os avances na actuación desenvolvida neste espazo público. O obxectivo do proxecto, adxudicado no primeiro trimestre de 2022, é mellorar a accesibilidade destas rúas, facendo que poidan ser ocupadas e utilizadas por todas as persoas, independentemente da súa condición e do seu nivel de mobilidade, ademais de mellorar o estado e a funcionalidade dos espazos comúns públicos.
Neste senso, o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, visitaron as obras ao longo da mañá deste pasado mércores 29, acompañados de persoal municipal e da empresa redactora dos proxectos.
Na urbanización de Horta de Abaixo, en Bertamiráns, estase a executar un proxecto de reurbanización, adxudicado á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL por un importe de 269.897,57 euros. Deste xeito, realízanse traballos de mellora da accesibilidade, actuando sobre os pavimentos, sendas interiores e beirarrúas. Ademais, aproveitarase para renovar o alumeado público, limpar e sanear muros e pavimentos, renovar a zona de xogos ou incorporar mobiliario público.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Mellorarán a accesibilidade da Horta de Abaixo"
Enfoques: "Avanzan las obras de reurbanización de Horta de Abaixo, en Bertamiráns"
AMSGO!: "A reurbanización da Horta de Abaixo (Bertamiráns) ascende a 270.000"