Pestanas principais

Entra en funcionamento o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais en Ames

Xoves, 30 de xuño de 2011

[30-06-2011] O alcalde amiense, Santiago Amor, acompañado por varios concelleiros reuniuse esta mañá no salón de plenos da casa consistorial con persoal técnico de medio ambiente do concello, con traballadores da brigada e co inspector e o cabo da Policía local amiese para coordinar as persoas e os medios cos que conta o Concello para poñer a disposición da Consellería de Medio Rural, en caso de declararse un incendio forestal de grao 1 que constitúa perigo para vivendas e persoas.

O obxectivo da reunión foi falar do dispositivo que pon en marcha o Concello ante a época de risco de incendios, un período que comeza oficialmente o 1 de xullo. As actividades que realiza este dispositivo son diversas e van dende a xestión da biomasa forestal, a comunicación aos/ás propietarios/as forestais das súas obrigas, a limpeza de vías e camiños e outras superficies de titularidade municipal ata a posta a disposición de medios e persoas para mobilizar en caso de que se declare un incendio forestal nivel 1.Este nivel declarase cando un incendio pon en risco persoas ou vivendas, e, polas características dos núcleos de vivendas en Ames, resultan probables este tipo de incendios. 

O director do plan é o alcalde, Santiago Amor, e está formado por diferentes grupos operativos. O responsable do grupo de intervención é o inspector xefe da Policía Local e nel intégrase a brigada de Medio ambiente , a Garda Civil e o GRUMIR. entre outros. O grupo de transmisións é responsabilidade do concelleiro de Comunicacións e Informática, Ramón García Argibay e engloba a técnicos do servizo de informática, ao persoal do servizo de vías e obras, ao persoal do 010 e a xornalistas. Outro dos grupos é o de seguridade; este é responsabilidade principal da Policía Local e nel atópase a Garda Civil, Protección Civil de Brión e a Policía Autonómica. O grupo sanitario inclúe traballadores sociais, médicos de atención primaria, farmacéuticos, veterinarios e persoal da Cruz Vermella e ten como responsable a concelleira de Servizos Sociais, Mª Dolores Fernández. O grupo de loxística, responsabilidade do concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, inclúe persoal de Infraestruturas, Servizo Sociais, Medio Ambiente, Deportes e Educación, Voluntariado e Banco de Alimentos, Cruz Vermella e transportes públicos.

O rexedor amiense, Santiago Amor fai un chamamento a toda a cidadanía para que colabore con este plan. Concretamente solicita que quen se decate da existencia dun incendio o comunique ao teléfono 085 ou 112 e que se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso

A Consellaría de Medio Rural ten competencia exclusiva de xestionar os incendios forestais, pero os concellos deben realizar labores de prevención e velar porque os propietarios cumpran coas súas obrigas legais. O Concello de Ames non ten corpo de bombeiros e, ante esta situación, leva dende o ano 2005 adoptando medidas de prevención contra incendios. Ademais, Ames adheriuse con este plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais no ano 2009 ao convenio de colaboración con Medio Rural. Este é un plan que pon en marcha Medio Rural co obxectivo de axudar os municipios na prevención e defensa contra os incendios. A consellaría financia o 50% das actuacións que se leven a cabo dende o concello nesta materia. Como máximo, abonarase unha cantidade de cinco mil euros.

Medidas para previr os incendios forestais

O verán é unha época na que hai que extremar as precaucións para previr o risco de incendios forestais. Todos e todas podemos colaborar neste eido adoptando unha serie de medidas que son moi sinxelas pero ao mesmo tempo moi eficaces. Por iso, a Concellaría de Medio Ambiente quere lembrarlle a todos os veciños e veciñas de Ames as prohibicións e recomendacións que hai que levar a cabo á hora de acceder, circular ou permanecer nas zonas forestais, así como sobre o correcto uso do lume. Estas recomendacións están baseadas segundo o que se establece na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A prevención é a mellor medida para loitar contra os incendios forestais, pero isto non abonda. Debido a iso, o Concello de Ames pretende concienciar aos veciños e veciñas sobre a importancia de respectar as recomendacións establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. Esta lei fixa de xeito anual unhas datas que marcan a época de maior perigo, así como as zonas de alto risco de incendios. Segundo a Orde do 19 de maio de 2011, establécese como época de alto perigo de incendios forestais en Galicia a que vai dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro.

Durante este período o acceso, circulación e permanencia nas zonas forestais, así como os traballos nos montes quedan restrinxidos en maior ou menor medida segundo o índice de risco diario de incendios forestais. Para consultar o nivel deste índice nunha determinada localidade hai que entrar na páxina web da Consellería de Medio Rural. http://mediorural.xunta.es/nc/areas/forestal/incendios_forestais/irdi/

A día de hoxe o índice de risco diario de incendios  (IRDI) para o concello de Ames é extremo o que obriga as persoas que circulen por camiños forestais, rurais e outras vías de monte a identificarse ante as autoridades competentes. Ademais, non está permitido levar a cabo traballos que precisen da utilización de maquinaria sen os dispositivos pertinentes(sistemas antichamas nos tubos de escape ou dispositivos de retención de chispas).

Tampouco se poden desenvolver accións non relacionadas coas actividades forestais e agrícolas, nin circular con vehículos motorizados polos camiños forestais, rurais e outras vías que atravesan os montes. Estas medidas incrementan cando o índice de risco sexa estremo. Neste caso non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas, así como nos camiños forestais, rurais e noutras vías de monte.   

Estas recomendacións non se aplican en áreas urbanas e industriais; nos accesos habilitados para as praias fluviais e marítimas; aos medios de prevención, vixilancia, detección e extensión dos incendios forestais; a execución de obras de interese público; a circulación de vehículos prioritarios cando estean en marcha de urxencia e as áreas baixo xurisdición militar.

Uso do lume

Como medida preventiva, prohíbese o uso do lume nos montes, terreos forestais e zonas de influencia forestal salvo para determinadas actividades e nas condicións, períodos ou zonas autorizadas pola Consellería de Medio Rural. Por outra banda a queima de restos agrícolas en terreos forestais e naqueles terreos situados nas zonas de influencia forestal será comunicada previamente con carácter obrigatorio á Consellería competente en materia forestal. A queima de restos forestais deberá contar con autorización preceptiva da Consellería de Medio Rural.

As autorizacións de queimas controladas non se concederán durante o período denominado como de alto risco. Nos casos nos que non se atenda esta recomendación tomarase a decisión de considerar ese lume como intencionado e haberá unha sanción.

Outros usos do lume

Nas zonas forestais e nas de influencia, durante a época de perigo alto, queda prohibido facer fogueiras para recreo ou ocio e para facer de comer, así como empregar equipamentos de queima e de combustión destinados á iluminación e a cociñar. Tampouco se poderá queimar restrollos cortados e calquera tipo de vexetación. Hai que ter en conta que á hora de facer de comer en espazos forestais públicos hai unha serie de excepcións. Nos casos en que se empreguen as áreas expresamente previstas para este fin, como poden ser as áreas recreativas, poderanse empregar equipamentos para cociñar. Hai que deixar claro que as áreas recreativas teñen que estar destinadas a este fin senón non se pode facer lume.

Foguetes e outras formas de lume

Durante a época de alto risco poderanse empregar artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e zonas de influencia sempre e cando sexa autorizado polo concello correspondente, que a súa vez terá que informar desta circunstancia á Consellería de Medio Rural cun mínimo de 48 horas de antelación. O que non está permitido son as accións de fumigación en paneis de abellas e fumar ou facer lume en calquera tipo de parcela forestal.

A Consellería de Medio Rural poderá prohibir os usos de foguetes e outras formas de lume, se as circunstancias de perigo de incendio así o aconsellan. Ademais o uso, transporte ou almacenamento de explosivos para apertura de estradas ou traballos en canteiras terán que levarse a cabo tendo en conta todas as normas de seguridade nesta materia.

Por último, cómpre lembrar que todos os tractores, maquinaria e vehículos de transporte pesados deberán estar dotados de dispositivos de retención de chispas e de dispositivos antichamas nos tubos de escape. No caso de que o índice de risco sexa alto ou extremo estes vehículos non poderán acceder as parcelas forestais.

Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 981 883002 . Tamén poden dar alarma sobre un incendio marcando o número de teléfono 085 ou 112. Para poñerse en contacto coa Garda Civil teñen que marcar o 062.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Emerxencias de Brión sofocó en un solo día dos incendios urbanos en Ames"
El Correo Gallego: "Ames activa el plan para la defensa y prevención de incendios forestales"