Pestanas principais

A entrada ao concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona será libre e gratuíta

Xoves, 15 de xuño de 2023

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

A Concellaría de Normalización Lingüística está a piques de poñerlle o ramo á programación Apego de Ames dos últimos meses. Será cunha das actividades máis agardadas, o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona no que nos presentarán o seu novo espectáculo “Un soño é...” con temas novos, pero tamén cos temas máis clásicos da banda máis molona que temos no país para comezar o verán con enerxía da boa fartándonos de rir, de cantar e de bailar ao ritmo de rock, ska, reggae, cumbia...

A actividade realizarase o sábado, 17 de xuño, ás 19:00 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns. Ao realizarse nun espazo exterior pódese ampliar o aforo. Isto permite que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Proxecto lúdico, musical e educativo
Uxía Lambona e a Banda Molona é unha banda musical infantil que naceu como un proxecto lúdico, musical e educativo no ano 2014. A banda está formada por Sergio Rodríguez, Diego Roca, Fernando Moure, Jorge Muñoz, Diego Martínez e a cantante Laura de Gabriel.

O obxectivo principal é sobre todo facer cantar e bailar a nenos e nenas, achegándolles os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva. Para iso, utilizan novos estilos musicais como o ska, rock ou o hip-hop mesturado con música tradicional popular e ofrécennos temas como A Carolina «rapeada» ou o Jato «rockeiro». Actualmente ten tres discos publicados no mercado, titulados Uxía Lambona e a Banda Molona, A bailar coma tol@s e o seu último disco Astronauta Sideral.

O programa Apego, un vehículo para a transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona

Multimedia

  • Cartaz do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona