Pestanas principais

Entréganse os diplomas do curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas

Xoves, 14 de abril de 2011

[14-04-2011] A concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, e a axente de inserción laboral da Rede Xiana, Olaia Otero, entregáronlles ás doce persoas que remataron o curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, os correspondentes diplomas por participar nesta acción formativa. Este curso enmárcase dentro do programa da Rede XIANA que ten como principal obxectivo o fomento do emprego en municipios, da provincia de A Coruña, de menos de 50.000 habitantes.

Para combater os desequilibrios entre as zonas rurais e urbanas da provincia da Coruña, tanto en materia de emprego como en servizos básicos de atención a persoas dependentes, a Deputación da Coruña, puxo en marcha esta iniciativa no marco da convocatoria 2007 de Axudas do Fondo Social Europeo durante o período de intervención 2007 - 2013 a través do Ministerio de Administracións Públicas.

Así, dentro deste programa impartíronse un total de 76 cursos que beneficiaron a 1.140 persoas desempregadas pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego como son os mozos e mozas menores de 25 anos, as persoas maiores de 45 anos, as mulleres de todas as idades, os desempregados/as de longa duración e as persoas en situación de risco de exclusión social.

Dentro destas medidas enmárcase o programa da Rede XIANA (Rede de Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) que ten como principal obxectivo o fomento do emprego en municipios, da provincia de A Coruña, de menos de 50.000 habitantes.

Ames foi unha das tres sedes encargadas de impartir o curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas. Os concellos adheridos agrupáronse en trece zonas onde se impartiron os diversos obradoiros, polo que o municipio amiense actuou como sede da oitava zona da provincia da Coruña que abarcou tamén os municipios de Brión, A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra. Rematado este curso entregáronse no salón de Plenos da Casa da Concello os diplomas que acreditan o aproveitamento desta acción formativa.

O módulo de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas contou con 529 horas totais de formación das que se beneficiaron 12 alumnos e alumnas participantes no itinerario de Formación Específica e Colectivos en Risco de Exclusión Social. Ao longo deste curso os asistentes aprenderon a realizar a montaxe, posta en servizo, operación e mantemento de instalacións solares térmicas coa calidade e seguridade requiridas cumprindo coa normativa vixente. Para iso, o Concello de Ames habilitou un taller que xa foi empregado no obradoiro Ames Solar. Aproveitando estas instalacións os participantes puideron dispoñer dun taller con todo o necesario para poder desenvolver esta formación. Estas actividades contaron coa supervisión dun técnico en posesión do carné profesional en instalacións térmicas de edificios (RITE).

Nas máis de 500 horas, os alumnos e alumnas estudaron módulos como Montaxe Eléctrica de Instalacións Térmicas Solares, Prevención e Seguridade na Montaxe Mecánica e Hidráulica, Mantemento destas instalacións, etc… sumando unha formación transversal en Igualdade, Sensibilización Ambiental e Formación nas Novas Tecnoloxías.

Ademais destes campos, os destinatarios foron preparados para a obtención do certificado de profesionalidade e tiveron apoio para a obtención do permiso de conducir B1 e a creación da súa propia empresa. Unha vez rematada a parte teórica, os alumnos e alumnas levaron a cabo prácticas profesionais que completaron a súa aprendizaxe técnica en diferentes empresas da comarca de Santiago de Compostela.