Pestanas principais

Entréganse os premios da primeira edición do certame Galetiktokers

Luns, 21 de decembro de 2020

O pasado venres, 18 de decembro, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o acto de entrega dos premios da primeira edición do certame Galetiktokers. A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, foi a encargada de facer a entrega dos premios. A dito acto tamén asistiron as técnicas de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e de Mocidade, Pili Villaverde, así como os/as integrantes do xurado do certame: os youtubeiros, o Aquel-e e Olaxonmario, e maila presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Repartíronse catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles.

A Concellería de Mocidade e Normalización Lingüística puxo en marcha este ano un novo certame co que se pretendeu estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Nesta iniciativa puido participar toda a mocidade de 14 anos en diante, de forma individual ou por parellas. 

Deste xeito, establecéronse dúas categorías en función da idade. A primeira categoría estivo dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas. Nesta primeira categoría o premio do público foi para Lúa Ardións Liñares coa peza “A lingua polo que vale”. Nesta mesma categoría, o premio do xurado foi para Alba Valladares Alonso e Celia Porto Rodríguez polo traballo “Tempos de COVID”.

Na segunda categoría, para mozos e mozas de máis de 17 anos, o premio do público foi para Raúl Liñares Domínguez, polo traballo “Pasando desapercibido”, mentres que o premio do xurado recaeu en Iria Curros Espiño, pola peza “O reencontro dos galegos”. Así, repartíronse catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. 

Os premios do público leváranos as pezas que obtiveron máis “gústame” no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiunos o xurado que valorou todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame contou cun xurado de luxo, composto por dous recoñecidos youtubeiros, o Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Estes tres especialistas valoraron os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística. 

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou a boa acollida que tivo esta nova iniciativa posta en macha este ano. “Este certame naceu  co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Cremos que unha vez rematada esta primeira edición cumprimos co obxectivo que nos marcamos cando arrincou esta iniciativa. Agardamos que sexa a primeira de moitas edicións”.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames repartiu premios ós mellores Galetiktokers"

Premiados Galetiktokers.

Multimedia

  • gala de entrega de premios galetiktokers.
  • xurado premios galetiktokers.