O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu o acto de entrega de premios do concurso de fotografía Enfoca Ames. A esta edición do certame presentáronse un total de 60 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (paisaxe, macro e artística). O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as tres mellores fotografías de cada categoría. Ademais, en cada categoría outorgáronse tres accésits. Este concurso está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames en colaboración co Concello de Ames.
A segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames chegou ao seu fin co acto de entrega de premios. O acto estivo presidido polo alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames.
Deste xeito, tralo ditame do xurado entregáronse os premios aos autores e autoras das fotografías gañadoras da segunda edición do concurso Enfoca Ames. Este ano o xurado estivo composto por 4 persoas, unha máis que na edición de 2021. Dos 4 membros do xurado, dous foron aportados por XEA e outros dous polo Concello de Ames. O xurado estivo composto polas técnicas de Turismo, Sonia Moure, e de Medio Ambiente, Patricia Reboreda (persoal do Concello de Ames), e por Adrián Cunha, de Pixelín Photo, e Ramón Cordido, ambos propostos por XEA.
Na categoría paisaxe, o primeiro premio foi para Montserrat Leis Fernández coa foto, Remuíño de Paz. O segundo premio recaeu en José Luís Gigirey González coa obra, Brétemas no val da Maía, mentres que o terceiro premio foi para Asier Lusarreta Lizarazu coa instantánea, Corrente Perenne. Os tres accésits recaeron en Roberto Sanmartín Almeida, Pablo Blanco Teijeiro e María Cristina Valdés Ferreiro.
Na categoría Macro o primeiro premio foi para Beatriz Castro Cantón coa obra, Mundo Amarelo. O segundo premio recaeu en María del Carmen Fernández Villaverde coa fotografía, Sorriso arácnido, e o terceiro premio foi para Ainhoa Conde Castro coa obra, Estalotes polo San Xoán. Os accésits foron para Patricia Pérez Corchado, Pablo Blanco Teijeiro e Francisco Javier Riaño Lueiro.
Por último, na categoría artística, o primeiro premio foi para Pablo Blanco Teijeiro coa instantánea, Paxaros. O segundo premio recaeu en María Cristina Valdés Ferreiro coa obra, Candado de Amor, e o terceiro premio foi para Ainhoa Conde Castro coa fotografía, Vagamundo en AugaPesada. Os tres accésits recaeron en Patricia Pérez Corbacho, Ignacio Sánchez Rial e Javier Antelo Seoane.
Outorgáronse tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA.
O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou “o éxito da segunda edición do concurso Enfoca Ames ao que se presentaron un total de 60 fotografías. Este certame posto en marcha pola asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, vaise consolidando pouco a pouco, tal e como demostra o número de fotografías presentadas a edición deste ano. A intención é seguir apostando por este certame que trata de dar a coñecer distintos lugares e localidades do concello entre a veciñanza amesá”.
Por outra banda, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, dixo estar “satisfeito pola boa resposta que está tendo este concurso. Na segunda edición deste certame incrementouse a participación e comprobamos que moitas das persoas participantes repetiron, despois de xa participar na primeira edición. Isto é unha magnífica nova porque cremos que é unha iniciativa que está gustando entre as persoas ás que lle gusta a fotografía”. Ademais, engadiu que de cara á vindeira edición se está traballando para tratar de crear unha nova categoría que estaría dirixida á poboación infantil
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Entregan en Bertamiráns los premios de fotografía Enfoca Ames"
El Correo Gallego: "Enfoca Ames inmortaliza os lugares máis emblemáticos"