Pestanas principais

Entréganse os premios do campionato de dominó que organizou o Concello de Ames

Mércores, 26 de novembro de 2014

[26-11-2014] Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da concellaría de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, organizou un campionato de dominó, que se desenvolveu na cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns entre o 3 de outubro e o 21 de novembro. Neste campionato participaron un total de 14 parellas. Esta iniciativa na que participaron 28 persoas rematou o venres pasado cunha cea. Antes de sentarse á mesa o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, fixeron entrega dos premios ás tres mellores parellas.


O pasado venres rematou o campionato de domino que organizou o Concello de Ames durante os meses de outubro e de novembro. Este xogo ten moito éxito entre a veciñanza amiense. Por iso, dende a concellaría de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, decidiron organizar este campionato que se desenvolveu entre o 3 de outubro e o 21 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste campionato participaron un total de 14 parellas.

O venres pasado, 21 de novembro, púxose fin a esta actividade municipal cunha cea na que participaron unhas 30 persoas. Antes da cea o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, fixeron entrega dos premios ás tres mellores parellas. O primeiro premio foi para a parella composta por José Castro e Manuel Núñez; o segundo premio gañárono Guillermo Blanco e José Serramito; e o terceiro e último premio recaeu na parella composta por José Ramón Recioy e Juan Alvés.

A concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destacou que “o campionato de dominó tivo un gran éxito de participación xa que preto de 30 persoas participaron nesta iniciativa municipal”. María Carmen Verde engadiu que “este tipo de campionatos son iniciativas a través das cales se pretende que a veciñanza amiense pase un anaco agradable xogando as cartas ou ao dominó ao tempo que se relaciona e se socializa con outra xente do municipio”.