- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado xoves, 22 de decembro, a Gala de entrega de premios do VIII certame de fotografía comercial do parque empresarial do Milladoiro. O acto estivo presentado por Sole Felloza e contou con música en vivo do pianista Gerson Tineo. Durante a Gala proxectáronse todas as fotografías participantes, tanto da categoría xuvenil como da absoluta. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.
O pasado xoves, 22 de decembro, realizouse no auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro a Gala de entrega de premios do VIII certame de fotografía comercial do parque empresarial do Milladoiro. O certame estivo organizado pola Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro en colaboración coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. A Gala estivo presentada por Sole Felloza. Durante o acto proxectáronse todas as fotografías participantes, tanto na categoría xuvenil como na absoluta. Ámbolos dous pases estiveron amenizados con música en vivo do pianista Gerson Tineo.
Na categoría absoluta, as persoas galardoadas foron, co primeiro premio, de 500 euros, Roberto Sanmartín, pola fotografía “Adicación sen distraccións”. O premio foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García. O segundo premio, dotado con 400 euros, recaeu en Paula Bello, por “Miradas diferentes”. Este premio foi entregado por Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames. O terceiro premio, de 300 euros, foi para Ana Belén Vázquez, coa foto “Xerando fauna galega”. Neste caso o premio foi entregado por Alberto Uzal, integrante do xurado e responsable do Estudio Fílmate.
Ademais, Javier Santos, presidente da asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro, entregoulle un accésit a Sebastián Olivares pola fotografía “Traballando noite e día”. O segundo accésit foi para Olalla Tellería, por “Exterior noite”. O primeiro premio na categoría absoluta estivo patrocinado por Escenoset, o segundo premio foi patrocinado por Tesec Audiovisuais e o terceiro patrocinouno Fílmate Estudio fotográfico.
Na categoría infantil e xuvenil, o primeiro premio foi para Andrea Abuín Duro, pola foto “Finxindo ser alguén que non son”. O premio foi entregado por Xoan Soler, foto-xornalista de La Voz de Galicia. O segundo premio foi para Hugo Guerra Pereira, de 8 anos de idade, por “Fungos no polígono”. Este premio foi entregado por Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación do Concello de Ames. O terceiro premio quedou sen entregarse porque a persoa gañadora non asistiu á Gala.
Certame consolidado na comarca
Dende a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro “agradecen a colaboración do Concello de Ames porque é importante para poder realizar este certame”. Ademais agradeceron a participación de todas e cada unha das persoas que fixeron que este concurso se consolide como referente na comarca e destacan o enxeño e a técnica dos participantes deste concurso popular. Tamén agradecen ao xurado, presidido por Xoán Soler e Alberto Uzal, “a súa inestimable colaboración, xa que sen ela sería imposible levar a cabo este certame. Ao final fíxose necesario dar accésits na categoría absoluta, xa que na fase final houbo varias obras que quedaron igualadas”.
Cómpre destacar tamén que segundo apuntan dende a asociación “moitos dos rapaces e rapazas participantes en anteriores edicións estanse abrindo camiño nas artes audiovisuais e xa están xerando valor cos seus propios traballos, de aí que sexa tan importante dispor dunha categoría onde se incentive a participación dos máis pequenos a adentrarse nesta arte versátil que tantos usos se lle poden dar, dende as redes sociais a nivel usuario ata o uso profesional como fotógrafo”.
Exposición de todas as fotos participantes
Todas as fotografías presentadas ao concurso fotográfico están expostas ata o 30 de decembro no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro. A temática do concurso xirou en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. O obxectivo do concurso é que a veciñanza de Ames coñeza a actividade das empresas que están situadas no parque empresarial.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El concurso fotográfico de Novo Milladoiro ya tiene ganadores"
El Correo Gallego: "As fotos que mellor mostran o parque empresarial do Milladoiro xa teñen premio"
AMS GO!: "Entregados os premios do VIII certame de fotografía comercial do parque do Milladoiro"