- Tematica
A Escola Ames Xadrez disputou o pasado sábado 14 de maio o campionato provincial de xadrez Xogade nas categorías sub10, sub12 e sub14. No torneo, que se desenvolveu en Noia, enfrontáronse todos os campións intercomarcais das zonas de Ferrol, A Coruña, Santiago e Barbanza e a Costa da Morte. O club amesán conseguiu a vitoria nas categorías sub10 e sub12, e rematou no podio na sub14 ao perder na última rolda.
Os equipos das categorías benxamín, alevín e infantil da Escola Ames Xadrez, as escolas deportivas de xadrez do concello de Ames, continúan disputando diferentes torneos e competicións entre deportistas de toda Galicia.
Deste xeito, o sábado 14 de maio a rapazada da escola municipal viaxou a Noia para participar no campionato provincial Xogade de xadrez, despois de teren garantido o seu acceso a esta fase o pasado 30 de abril, cando conseguiron a vitoria nas categorías sub10, sub12 e sub14 no torneo intercomarcal da zona de Noia, que se disputara en Boiro.
Na competición provincial enfrontáronse os gañadores dos torneos intercomarcais das zonas de Ferrol, Coruña, Santiago e Barbanza e Costa da Morte, nunha xornada na que a Escola Ames Xadrez conseguiu grandes resultados, alzándose con tres podios nas tres categorías nas que participaron.
Finalmente, o club amesán acadou o triunfo con superioridade nas categorías sub10 e sub12, e quedou as portas de levar tamén a vitoria na sub14. O grupo desta categoría de idade perdeu na última rolda con Ferrol por un punto, que foi chave para que precisamente o conxunto ferrolán os superase na puntuación final.