Pestanas principais

A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil

Martes, 18 de marzo de 2025

Este pasado 8 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela o Campionato Galego Infantil e Copa Cadete de karate, onde a Escola de Karate Dokkodo participou con seis deportistas e conseguiu tamén seis medallas. En total, o club amesán acadou un ouro, dúas pratas e tres bronces na competición.

Este pasado 8 de marzo, a capital galega albergou o Campionato Galego Infantil e Copa Cadete de karate, onde a Escola de Katate Dokkodo realizou un gran campionato acadando finalmente seis medallas; unha prata na modalidade de kata e un ouro, outra prata e tres bronces na modalidade de kumite.

A xornada comezou coa modalidade de kata infantil, na que Jadel Rodríguez, Bruno Varela e Xián Blanco realizaron un gran traballo a pesar de non conseguir subir ao podio. Xián avanzou ata os cuartos de final, quedando ás portas da loita polas medallas.

Na categoría de kata alevín, competiron Hugo Torre e Tiago Blanco. Pola súa banda, Hugo non puido superar o seu primeiro combate, mentres que Tiago conseguiu avanzar ata a final, onde, a pesar de competir cunha escordadura no nocello, conseguiu finalmente coroarse como subcampión galego.

O último deportista da Escola Dokkodo en competir en kata foi Santiago Ribas, na modalidade de kata xuvenil. A pesar de levar só dous anos practicando este deporte, Santiago conseguiu gañar dous combates contra rivais con moita máis experiencia, caendo na terceira rolda ás portas de acadar opcións de repesca.

Cinco medallas en kumite
Os mellores resultados para a Escola Dokkodo viñeron na modalidade de kumite. A primeira medalla foi o bronce acadado por Tiago Blanco na categoría de alevín <34 kg que, unha vez máis, amosou a súa valía e esforzo pese á súa lesión. Pola súa banda, Hugo Torre non conseguiu avanzar máis aló da primeira rolda, mais, porén, deixou boas sensacións no seu encontro.

Na categoría infantil >45 kg, Bruno Varela e Jadel Rodríguez demostraron o seu gran nivel e estado de forma no que se atopan. Pola parte de Bruno, conseguiu a medalla de bronce e quedou a pique de chegar ás semifinais. En canto a Jadel, competiu de maneira moi firme, chegando ata a final e coroándose desta volta como subcampion galego.
Así mesmo, en infantil <45 kg, Xián Blanco proclamouse por segundo ano consecutivo como campión galego despois de gañar con gran contundencia cada un dos seus combates disputados.

De novo, o último en competir foi Santiago Ribas na categoría de xuvenil <36 kg, quen caeu no seu primeiro encontro ante o deportista que acabaría coroándose como campión. Deste xeito, Santiago puido acceder á repesca e, tras loitar con moito carácter, logrou conseguir un bronce que puxo en valor o seu traballo e disciplina.

Finalmente, a Escola de Karate Dokkodo rematou a competición no 12º posto do medalleiro, reafirmando o gran esforzo e futuro dos seus deportistas.

3º Xornada da Liga Nacional de Karate
Por outra banda, os pasados días 1 e 2 de marzo, celebrouse na localidade de La Nucía, en Alacante, a 3º Xornada da Liga Nacional de Karate, onde a Escola Dokkodo estivo representada por Raúl Rodríguez.

O karateka da escola amesá competiu na modalidade de kumite, na categoría de cadete <57 Kg. A pesar de disputar un combate moi igualado e dun alto nivel, no que Raúl estivo por diante gran parte do encontro, finalmente acabou perdendo o encontro. Con todo, este encontro supón un paso adiante na súa evolución como deportista e, máis nunha competición que reuniu aos mellores karatekas nacionais.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "A escola de Karate Dokkodo conseguiu seis medallas no Campionato Galego Infantil e Copa Cadete"

A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil

Multimedia

  • A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil
  • A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil
  • A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil
  • A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil
  • A Escola de Karate Dokkodo conseguiu 6 medallas no Campionato Galego Infantil
  • Raúl Rodríguez na 3º Xornada da Liga Nacional de Karate
  • Raúl Rodríguez na 3º Xornada da Liga Nacional de Karate