[24-08-2016] O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia informa ao Concello de Ames de que a escola infantil de Bertamiráns, incluída na rede autonómica "Galiña Azul", entrará en funcionamento o próximo 15 de setembro, ao igual que os outros cinco novos centros dependentes dese ente público (Tomiño-Goián, Marín-Seixo, A Coruña-A Sardiñeira, Fene-Barallobre e Oza-Cesuras) que iniciarán a súa andaina no curso 2016-2017.
O persoal da escola de Bertamiráns que se incorporará ao centro o 1 de setembro chamará nas seguintes xornadas aos pais dos nenos matriculados para realizar entrevistas personalizadas e explicarlles a programación do inicio do curso e do período de adaptación. Os días 15 e 16 terá lugar unha xornada de portas abertas e unha asemblea informativa na que se dará conta das normas de funcionamento do centro. A partir desa data, os nenos irán incorporándose á escola no período de adaptación.
Por outra banda, o Consorcio comunica que a escola infantil de O Milladoiro, como o resto de centros que xa estaban funcionando, iniciará a súa actividade o día 5 de setembro.