[19-06-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 22 de xuño, o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). A cita comezará ás 19.30 horas e estará presentada por Óscar Suárez e Alejandro Gómez. Durante as actuacións, unha representación dos nenos e nenas da escola tocarán pezas amenas, e interpretarán tanto autores clásicos como autores máis modernos.
O principal obxectivo deste concerto é que os alumnos e alumnas da escola poidan poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Aos nenos e nenas failles unha especial ilusión tocar diante dos seus pais e nais, pero tamén para toda a cidadanía en xeral que desexe gozar do concerto.
O concerto que pon punto e final ao curso da EMMA comezará coa actuación da orquestra de frautas, que interpretará Danny Boyle, unha canción popular irlandesa, e La bella y la bestia, de Alan Menken. A seguir, o coro de voces da EMMA e os grupos de linguaxe musical interpretarán Adiós Olivarillos, unha canción popular de Jaén.
As nenas e nenos que asisten a música e movemento ofreceránlle ao público a súa interpretación da canción Ai, se eu che pego, de Michel Teló. A seguinte actuación será a de Celia Tajuelo, que tocará ao saxofón Campanita, unha canción popular francesa.
Despois, o grupo de saxofóns, acompañados á batería por Pepo Suevos, tocará EXODUS, de Ernest Gold. O acto de fin de curso da EMMA continuará coa actuación do grupo de violíns, que ofrecerán ao público asistente tres pezas: Moonlight shadow, de Mike Olfield; Sealed with a kiss, de Jason Donovan, e Heal de world, de Mikel Jackson.
O concerto continuará cunha sección dedicada ao piano. Neste apartado, Mariña Freire interpretará New Orleans Blues, Paula Barral Toledo tocará unha danza nupcial irlandesa, e Xulia Fernández, River flows on you.
Logo será a quenda dos alumnos e alumnos de batería da EMMA, que tocarán no concerto de fin de curso Highway to hell, do grupo AC/DC, mentres que os rapaces que asisten a clases de percusión e batería ofrecerán unha obra escrita por Amaury Quintero.
Ao escenario da Casa da Cultura de Bertamiráns subirá despois o octeto de guitarras da EMMA para interpretar Starway to heaven, de Led Zeppellin, e The entertainer, de Scott Joplin. Seguidamente, as alumnas de canto moderno cantarán un popurrí de cancións e, acompañadas do coro de voces e alumnos de música para adultos, interpretarán Hallelujah.
Tras estas cancións, será de novo a quenda do piano. Neste momento, Xián Ardións interpretará Chiquitita, de Abba, e Lucía López Suevos Doval, que ofrecerá Rockin Roberta.
Para rematar o acto de fin de curso, os alumnos e alumnas interpretarán dúas cancións. A primeira será Moriría por vós, de Amaral, con Aida Raíndo e Rebeca Soliño (voz), Pepo Suevos (percusión/batería), Lucía Suevos (percusión), Óscar Suárez (guitarra), Pedro Cortegoso (guitarra), Helena Rodríguez (piano) e Eva Millares (baixo). A segunda das cancións será Puedes contar conmigo de La Oreja de Van Gogh. Neste caso, interpretarana: Aida Raíndo e Rebeca Soliño (voz), Pablo Queiruga (batería), Pepo Suevos (percusión), Oscar Suárez (guitarra), Paula Capellá (piano) e Eva Millares (baixo).
Este concerto clausurará o curso 2011-2012 e servirá para mostrarlles ás familias do alumnado e á cidadanía en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA.