[22-06-2015] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado venres, 19 de xuño, o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Neste evento participaron máis de 100 alumnos/as da escola que tocaron uns vinte temas musicais. Este concerto clausurou o curso 2014-2015 e serviu para mostrarlles ás familias do alumnado e á veciñanza en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA.
O principal obxectivo deste concerto foi que os alumnos e alumnas da escola puideran poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Máis de 100 alumnos e alumnas interpretaron uns vinte temas musicais. Neste concerto interviu o alumando de música e movemento; canto; os grupos de violíns, saxofóns, frautas e guitarras; a orquestra de frautas e percusión; e os grupos de combo xuvenil e de adultos.
Wrecking ball (Miley Cyrus), Knocking on heavens door (Bob Dylan), Oh happy day (versión Sister Act 2), La Valse d'Amelie (BSO da película Amelie), Stairway to heaven (Led Zeppelin) ou Secrets (One Republic) foron algunhas das pezas musicais que se escoitaron da man dos músicos amesás que están matriculados na EMMA.
Ademais,a semana pasada a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu varias audicións para que o alumnado se acostume a actuar nun auditorio e lle perda o medo ao escenario. Deste xeito, o luns 15 de xuño houbo audicións de saxofón, guitarra, frauta e violín, mentres que este xoves, 18 de xuño, realizáronse as audicións de piano, percusión e frauta.