- Tematica
As escolas unitarias de Covas e A Igrexa, situada en Ortoño, completaron este curso a oferta de número de prazas dispoñibles. Cada unha destas dúas escolas ten matriculados 20 alumnos/as. Na escola unitaria de Covas incrementouse nun 20% o alumnado respecto do curso anterior, mentres que na unitaria da Igrexa aumento nun 15%. A implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación nestas dúas escolas resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo. No servizo de Bos Días Cole hai matriculados 12 alumnos/as e ao comedor acoden 35 nenos/as.
Dos 3.714 nenos/as e mozos/as escolarizados en educación infantil, primaria e secundaria durante este curso 2024/2025 nos centros de ensino de Ames, un total de 40 nenos/as de 3 a 6 anos acoden ás escolas unitarias de Covas e A Igrexa (Ortoño). Hai 20 alumnos/as matriculados/as en cada escola que é o máximo que permite a ratio na etapa de educación infantil por parte da Consellería de Educación. A cativada de entre 3 e 6 anos que asiste a estes centros goza dunha experiencia formativa diferente, con escolas de menores dimensións situadas no rural.
Durante os últimos anos o Concello de Ames realizou varias campañas de información e difusión das súas escolas infantís unitarias, co fin de poñelas en valor e dalas a coñecer ás familias que poidan estar interesadas no seu formato formativo. A isto sumouse a implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación, que resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo. No curso 2019-2020 comezáronse a ofrecer os servizos de Bos Días Cole e comedor escolar na escola unitaria de A Igrexa (Ortoño), mentres na escola unitaria de Covas ofrécense dende o curso 2020-2021.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, achegouse ata a escola unitaria da Igrexa. Alí puido conversar coas mestras e alumnado. Carmen Porto destacou “os bos datos de escolarización que teñen as dúas escolas unitarias de Ames. Dende o goberno municipal queremos poñer en valor o modelo das escolas unitarias e trataremos de continuar mellorando as súas instalacións”.
Escola unitaria de Covas
As profesoras da escola unitaria de Covas son Silvia Seoane Coto e Carmen Contreras Álvarez, esta última está como mestra de apoio a tempo completo durante este curso debido ao incremento de matrícula. Durante este curso 2024-2025 son 20 os rapaces e rapazas de 3 a 6 anos que están matriculados na escola unitaria de Covas. A matrícula aumentou un 20% respecto do curso 2023 – 2024, no que había 16 alumnos matriculados. No curso 2022 – 2023 eran tamén 16 alumnos/as e no curso 2021- 2022 había 12 rapaces e rapazas.
A profesora da escola unitaria de Covas, Silvia Seoane, di que “a escola unitaria de Covas segue mantendo a súa esencia, pero xa non ten ese concepto de escola rural como tiña antes. A maior parte do alumnado procede da área urbana, tamén hai nenos e nenas da zona rural, pero podo dicir que o 90% do alumnado reside no núcleo de Bertamiráns e urbanizacións”. A mestra da unitaria de Covas destaca a atención destas escolas: “o modelo das escolas unitarias permite ofrecerlles aos alumnos/as unha atención máis próxima, algo que é máis difícil de ofrecer en un centro de ensino con maiores dimensións e máis alumnado”.
Para Carmen Contreras Álvarez, mestra de apoio da unitaria de Covas, é a súa primeira experiencia como docente. “A experiencia nesta escola unitaria está sendo moi positiva. Acabo de comezar a exercer de mestra, xa que acabo de sacar praza, polo que está sendo moi proveitoso o traballo que estou realizando. Gustaríame seguir nunha escola pequena como esta”.
Un día na unitaria de Covas
Segundo explica Silvia Seoane, profesora da unitaria de Covas, “a dinámica das escolas unitarias permite unha maior flexibilidade. Durante a primeira media hora facemos o recibimento do alumnado. De seguido, traballamos en grupo ou en parellas sobre algún tema específico. Este curso ao dispor dunha profesora de apoio podemos facer desdobres. Deste xeito mentres un grupo fai psicomotricidade outro traballa sobre algunha temática específica ou traballos musicais. Durante a maña tamén temos un momento para a merenda, lavado de mans, aseo, e para o recreo. Normalmente non temos unha programación pechada. Imos programando as actividades segundo vai avanzando o día”.
Escola unitaria A Igrexa
Na escola unitaria A Igrexa, situada na parroquia de Ortoño, tamén hai 20 nenos/as escolarizados durante o curso 2024-2025. Respecto do curso 2023-2024, no que había 17 alumnos/as matriculados/as, incrementouse nun 15% o número de alumnado. Nesta escola exerce como mestra, María Luísa Quintáns Rico, e como profesora de apoio a tempo completo está Monserrat Da Costa Grobas.
A mestra da unitaria de Covas, María Luísa Quintáns Rico, destaca que “os nenos e nenas que están escolarizados na nosa escola son principalmente de Bugallido, de Bertamiráns e da súa contorna, e do Milladoiro. Son nenos e nenas da zona rural e dos núcleos urbanos”. Sobre a escola di que “moitas familias escollen esta escola pola relación tan estreita que temos co alumnado e coas familias, pero ademais polo patio externo que temos na escola que é moi grande e no que os nenos/as poden estar en contacto coa natureza”. Tamén destaca “a gran colaboración que prestan as familias do alumnado que colaboran no horto e na instalación de diferentes elementos do patio exterior”.
Servizos complementarios
As escolas unitarias A Igrexa (Ortoño) e Covas dispoñen de servizos complementarios de educación e conciliación. Deste xeito, na escola unitaria A Igrexa (Ortoño) acoden 5 nenos/as ao Bos Días Cole e 16 ao servizo de comedor. Por outra banda, na escola unitaria de Covas hai 7 usuarios/as en Bos Días Cole e 19 no comedor.
A mestra da escola unitaria de Covas, Silvia Seoane, destaca a importancia dos servizos complementarios “porque permiten que as escolas unitarias sigan funcionando e mantendo unha boa matrícula de alumnado. Estes servizos son fundamentais para as familias. Dende as 7.30 horas xa se ofrece o servizo de Bos Días coa opción de que os nenos e nenas poidan almorzar na escola ou non”. María Luísa Quintáns Rico, profesora da unitaria da Igrexa tamén incide “no bo funcionamento do servizo de comedor escolar que ten mo boa acollida entre as familias”.