Pestanas principais

Está aberto o prazo para participar na convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas por clubs e asociacións deportivas

Luns, 24 de outubro de 2016

[24-10-2016] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividade levadas a cabo no exercicio 2016 por clubs e asociacións deportivas. A contía destinada a esta convocatoria ascende a 50.000 euros. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 8.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria de axudas é dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Hai que ter en conta que as bases desta convocatoria de axudas foron publicadas este mércores, 19 de outubro de 2016, no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Esta convocatoria de axudas está destinada a promover actividades desenvolvidas durante este ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas polos clubs e asociacións deportivas, así como a adquisición de material inventariable, cun límite dun 20 % do orzamento total. Non se subvencionará a realización de obras. As actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2016. O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 8.000 euros.

A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Ademais, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. As asociacións solicitantes teñen que estar ao días nas súas obrigas tributarias (AEAT e Concello de Ames), así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.

Todos os clubs con subvención superior a 5.000 euros terán que levar na súa vestimenta (chándal e camiseta competición) o logo do Concello de Ames e, en caso de dispor de furgoneta, un adhesivo do citado logo. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de promover a formación dos máis novos e de propiciar a convivencia.

As bases inclúen un novo sistema de valoración
As novas bases contemplan un novo sistema de valoración que foi tratado no Consello consultivo de deportes nos pasados meses. O goberno municipal e as entidades deportivas chegaron a un acordo despois de varias reunións onde os clubs e entidades fixeron diferentes achegas. Por vez primeira os clubs e entidades deportivas participaron na elaboración destes criterios e coñecen de antemán como van a ser valoradas estas subvencións.

Dentro destas modificacións está o feito de incluír un apartado de valoración pola solicitude de achegas doutros organismos ou a colaboración das entidades co Concello nas actividades desenvolvidas polo ente municipal. Cabe destacar que dende este ano quítase da valoración das subvencións o carácter de cofinanciamento que existía, o que axilizará a xustificación e pago das axudas. Outro dos aspectos novos é a inclusión de parámetros de valoración da presenza feminina nas entidades deportivas que primarase con ata 10 puntos. As participacións nas competicións, o número de equipos e categorías, e o número de beneficiarios serán os aspectos principais a valorar e que contarán con ata o 67% da subvención.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, afirma que "as axudas de concorrencia competitiva que abrimos este ano por primeira vez contan coa participación e coñecemento das entidades de antemán, o que facilitará moito a súa previsión. Ademais é obxectivo deste goberno acelerar o proceso de pago destas e outras axudas e por iso de cara ao próximo ano a convocatoria sairá a primeiros de ano".

O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria de axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Hai que ter en conta que as bases desta convocatoria de axudas foron publicadas no BOB o día 19 de outubro de 2016. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello ou nalgún dos rexistros municipais auxiliares, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.