Pestanas principais

Está aberto o prazo para participar na VII edición do Certame de Fotografía “Parque Empresarial Novo Milladoiro”

Xoves, 04 de novembro de 2021

A asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar e XEA, Xuntanza de empresarios de Ames. A temática do concurso xirará en torno ao propio parque e a visión da empresa actual. Cada participante poderá enviar unha soa imaxe, tomada no parque empresarial, á que axuntará o título da obra e os datos persoais do autor/a. As persoas interesadas poden enviar as súas obras a certamefotografico@aenovomilladoiro.com até o día 22 de novembro.

Xa está en marcha a sétima edición do Certame fotográfico “Parque Empresarial Novo Milladoiro”. O concurso pretende fomentar a participación da cidadanía na actividade económica de Ames, “mediante a imaxe a reflexión”, segundo manifestan desde a asociación. A participación está aberta a calquera persoa afeccionada á arte da fotografía. As fotos deberán ser tiradas no parque empresarial ou en calquera das súas empresas e poderán realizarse con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que prime o enfoque comercial da imaxe.

Outorgaranse 3 premios á categoría absoluta e 3 máis a categoría infantil. Na categoría absoluta, os premios son os seguintes: 1º Premio: 500 euros e trofeo; 2º Premio: 400 euros e trofeo; e 3º Premio: 300 euros e trofeo. Na categoría infantil: 1º Premio: un vale por 75 euros e trofeo; 2º Premio: un vale por 50 euros e trofeo; 3º Premio: un vale por 40 euros e trofeo. A todos os premios se lles practicarán as retencións de impostos que procedan.

Os nomes dos gañadores e gañadoras daranse a coñecer na gala de entrega de Premios que se desenvolverá o 16 de decembro na Casa de Cultura de Bertamiráns. Previamente, as fotografías, co seu título e sen o nome do autor, serán expostas na Casa de Cultura de Milladoiro desde o día 1 até o día 22 de decembro de 2021. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá a mesma mostra entre o 23 e o 31 de decembro. Será a propia Asociación quen se encargue da impresión con equipos XEROX.

A concelleira de Promoción Económica Ana Paz declara que “accións deste tipo axudan a dinamizar, potenciar, e divulgar a ampla e variada oferta empresarial e comercial do concello de Ames. Por esta razón colaboramos e apoiamos economicamente as actividades postas en marcha polas diferentes asociacións de empresarios e comerciantes rexistradas no noso concello”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Tirarlle fotos ao polígono do Milladoiro vai ter premio de até 500 euros"

cartaz