Pestanas principais

Esta fin de semana celébrase a VII Feira do Comercio Val da Maía

Xoves, 14 de abril de 2011

[14-04-2011] Un ano máis e xa van sete, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) en colaboración co Concello de Ames, organizan a VII Feira do Comercio Val da Maía. Esta feira de oportunidades xa se converteu nun evento de referencia para todos os cidadáns amienses e da comarca compostelá. Para darlle continuidade a esta iniciativa o Concello de Ames colabora nesta iniciativa cedendo de xeito gratuíto o pavillón de Bertamiráns, así como poñendo a disposición da ACB diferente persoal municipal que se encargará de colaborar na organización e de coordinar as tarefas das distintas concellarías que participan no desenvolvemento do evento. Ademais haberá un tren turístico co fin de achegar ás persoas dende o centro de Bertamiráns ao pavillón.

Un ano máis a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns en colaboración co Concello de Ames van organizar a sétima edición da Feira do Comercio Val da Maía. Despois de que o pasado 4 de abril a Mesa Local de Comercio apróbase a celebración deste evento ambas as dúas partes xa están traballando para que o sábado ás 11:00 horas estea todo preparado para ofrecer á veciñanza amiense unha grande variedade de produtos a prezos máis rebaixados.

O Concello ofrece o seu apoio a esta iniciativa mediante infraestruturas, recursos humanos e servizos. De entre as axudas que prestan as diferentes concellarías na organización e posta en marcha desta feira das oportunidades están a cesión do pavillón polideportivo; o mantemento, acondicionamento e limpeza das instalacións; maior presenza da policía municipal, así como a colaboración de Ames Radio na publicidade e difusión e na emisión en directo da programación do sábado.

Deste xeito, a Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico cederá de xeito gratuíto o pavillón polideportivo de Bertamiráns dende o día 14 ata o día 18 de abril para poder instalar os diferentes postos de venda dos comerciantes afiliados á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns.

O persoal da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente encargarase de colaborar na organización e de coordinar as tarefas das distintas concellarías que participan no desenvolvemento do evento, así como da organización do servizo do tren turístico e as actividades de animación que se van a organizar.

Un claro exemplo diso é a brigada de obras que xoga un importante papel no desenvolvemento desta feira de oportunidades. A Concellaría de Obras e Servizos Básicos pon a disposición do evento persoal que se encarga da limpeza, da colocación de colectores de lixo, da instalación de puntos de luz e de auga entre outras accións necesarios para o desenvolvemento da Feira do Comercio.

A Policía local establecerá un dispositivo especial co obxectivo de regular os fluxos de circulación de vehículos que se acheguen ata Bertamiráns para acudir á Feira do Comercio. Ademais a radio municipal, Ames Radio, emitirá un programa especial dende o propio pavillón durante a mañá do sábado para dar a coñecer todas as novidades deste evento.

Achega económica

No que se refire a axuda económica, todos os anos se subscribe un convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a través do cal a Administración local achega unha contía económica para sufragar parte do custo total que se deriva da organización deste evento.

Este ano o Concello de Ames achegará a contía de 15.000 euros, que representa o 65,90% do presuposto total que custa a organización deste evento. O custe estimado da organización da VII Feira do Comercio Val da Maía ascende a 22,760,99 euros. Este convenio de colaboración terá que se aprobado no Pleno extraordinario, que terá lugar este venres día 15 de abril, ás 13:00 horas, na Casa do Concello. Esta achega terá que ser aprobada este venres en pleno extraordinario por ser o Pleno o órgano competente.

Máis de 400 metros cadrados adicados á venda

A VII Feira do Comercio é un lugar de encontro onde mercar e vender produtos rebaixados e un pequeno avance dos desta temporada. A feira de oportunidades poderase visitar os días 16 e 17 de abril, en horario ininterrompido de 11:00 h. a 21:00 horas.

Este ano instaláranse 25 stands e expositores de preto de 30 establecementos comerciais. Haberá unha amplía variedade de sectores, tales como tendas de roupa, de complementos, zapaterías, enxoval do fogar, electrónica, artigos para bebés, xogueterías, telefonía móbil, deportes, etc. Os comerciantes amienses disporán de máis de 400 metros cadrados dedicados a venda de todo tipo de produtos.

Ademais haberá unha cafetería para que todos os asistentes a esta feira poidan descansar un pouco entre compra e compra. Todos aqueles visitantes que queiran quedarse a comer poderán facelo nunha carpa polbeira sita ao carón da entrada principal.

Un tren turístico e animación na rúa

Un tren turístico percorrerá as principais rúas de Bertamiráns, en horario de 11:30 h. a 13:30 horas e de 16:30 h. a 20:30 horas, co obxectivo de fomentar a afluencia e facilitar o acceso ao pavillón reducindo así a mobilización do menor número de vehículos privados e empregando un medio de transporte ocasional e divertido. A animación na rúa, que tentará incrementar a participación, estará presente por cuarto ano consecutivo intentando incrementar o número de participantes. Premendo na ligazón que hai ao pé desta nova poderás consultar as rúas polas que pasa o tren turístico.

Os servizos que se ofrecen van na mesma liña que en anos anteriores. Todas as persoas que se acheguen ata o pavillón polideportivo poderán deixar aos seus fillos e fillas na gardería da Feira do Comercio para facilitar a comodidade dos posibles clientes e o divertimento de nenos e nenas. Os pequenos e pequenas de entre 2 a 12 anos poderán gozar dun espazo de inchables no interior do pavillón. Ademais instalarase un parque lúdico de 200 metros cadrados para os rapaces máis maiores no recinto exterior. A entrada ao recinto da feira de oportunidades e os servizos ofertados serán de balde.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Treinta firmas participarán este fin de semana en la feria del comercio de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Treinta firmas participarán este fin de semana en la feria del comercio de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "La VII Feria del Comercio Val da Maía, preparada"
El Correo Gallego: "La VII Feria del Comercio Val da Maía, preparada"