Pestanas principais

Esta mañá realizouse unha nova reunión da Xunta local de seguridade

Venres, 20 de outubro de 2017

[20-10-2017] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha nova sesión da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que estivo presidida polo alcalde, José Miñones, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Nesta xuntanza informouse da Comisión de coordinación policial e deuse traslado do informe de criminalidade do ano 2017 no concello. Tamén se achegou información sobre a situación da violencia de xénero en Ames e falouse dos dispositivos de seguridade antiterrorista postos en marcha. Por último, abordouse o estudo de espazos susceptibles de protección dentro do municipio por atacas yihadistas.

En primeiro lugar, informouse da Comisión de coordinación policial e deuse traslado do informe de criminalidade dos últimos 12 meses (dende outubro de 2016 ata outubro de 2017). Segundo se recolle en dito informe a situación é similar que nos últimos anos. No balance de actuacións recóllese un incremento de 14 infraccións penais, mentres que o índice de criminalidade foi de 24,9 por cada mil habitantes, que se sitúa por debaixo da media doutros concellos galegos. Trátase da mesma porcentaxe do ano anterior.

En canto ás estatísticas ofrecidas por parte da subdelegado do Goberno cómpre sinalar a diminución no número de infraccións penais no pasado mes de agosto, así como un leve incremento no número de roubos con forza en vivendas, que pasou de 11 a 14 casos. Tamén hai que destacar que non houbo ningún delito violento En canto aos roubos no interior de vehículos estacionados en garaxe destacáronse dúas actuacións realizadas polos corpos de seguridade que están sendo investigadas. Tamén achegaron datos sobre roubos menores e outro tipo de casos.

Por outra banda, estase facendo un seguimento exhaustivo e control de drogas. Neste senso destacouse que os corpos de seguridade que operan en Ames están facendo controis tanto aos condutores de vehículos como nas entradas dos centros de ensino de Bertamiráns e do Milladoiro. Despois de realizar ditas operacións abríronse as dilixencias correspondentes e están mans da xustiza.

Cuartel da Garda Civil do Milladoiro
Asemade, falouse da dotación de efectivos do cuartel da Garda Civil do Milladoiro. O goberno municipal realizou unha nova petición para dotar de máis axentes a dito Cuartel, mentres que dende a Subdelegación do Goberno trasladaron que o pasado 11 de outubro incorporáronse dous novos axentes e o 27 de outubro incorporarase un máis. Ademais, informouse que a primeira vacante que se cubra será destinada ao Cuartel do Milladoiro.

Coas novas incorporacións conseguiuse que as patrullas poidan traballar por quendas e estase ofrecendo o servizo de atención veciñal durante as 24 horas do día nas dependencias do Cuartel. Así mesmo incidiron en que son conscientes da importancia que ten dotar a este Cuartel de máis efectivos e que están traballando para dar respostas as peticións do Concello de Ames neste aspecto. Tamén se falou que se está potenciando a unidade de reserva con máis axentes o que permitirá que poidan participar en actuacións que se levan a cabo en Ames.

Actuacións realizadas en materia de violencia de xénero
En canto ás actuacións realizadas en materia de violencia de xénero destacouse o bo traballo realizado entre os axentes da Garda Civil, a Policía Local e as técnicas do Centro de Información á Muller de Ames. Segundo trasladaron dende a Subdelegación do Goberno, en Ames este dispositivo está funcionando perfectamente e non se detectaron fallos neste operativo. Este dispositivo vaise seguir potenciando tralo Pacto de Estado subscrito recentemente, o que permitirá executar actuacións máis concretas. Ademais, o convenio asinado coa Subdelegación do Goberno en materia de violencia de xénero permitirá a constitución de mesas sectoriais para continuar traballando na erradicación desta lacra social.

O alcalde de Ames, José Miñones, salientou “a boa colaboración e coordinación que manteñen os corpos de seguridade da Policía Local e da Garda Civil. Isto é clave e básico para realizar un bo traballo en prol de toda a veciñanza de Ames”. Así mesmo destacou o traballo feito en materia de violencia de xénero, algo que para este goberno municipal é primordial. Agrademos seguir mellorando neste eido e nos indicadores de criminalidade”.

Por último, falouse dos dispositivos de seguridade antiterrorista postos en marcha e do estudo de espazos susceptibles de protección dentro do municipio por ataques yihadistas. Dende o Concello de Ames xa se puxeron en marcha accións neste senso no pasado mes de marzo tendo en conta as recomendacións recollida no documento de seguridade ante ameaza de terrorista e ataques yihadistas. Deste xeito, estanse tomando medidas en lugares e eventos con grandes aglomeracións de persoas como pode ser o mercado de rúa de Bertamiráns e mailos eventos deportivos que se celebran en distintos puntos do municipio.

Esta xuntanza estivo presidida polo alcalde, José Miñones, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Como vocais da Administración Xeral do Estado estiveron Jesús Ramón Viaño Calviño, comandante do posto da Garda Civil no Milladoiro, e Eva Vázquez Castelo, vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno en Galicia. Juan Manuel Balebona Nieto, da unidade do corpo Nacional de Policía adscrito á Xunta de Galicia, acudiu como vocal da Administración autonómica. José Antonio Rodríguez Freire, inspector da Policía Local de Ames, e Blas García Piñeiro, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, participaron como vocais da Administración Local. Tamén compareceu, aínda que non fai parte da Xunta Local de Seguridade, José Antonio Vidal Rodríguez, Comandante Xefe Accidental da Comandancia da Garda Civil da provincia da Coruña.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Guardia Civil de Milladoiro incorporará un nuevo agente antes de que concluya este mes"