Pestanas principais

Esta semana comeza unha nova edición do programa Amessan

Mércores, 12 de outubro de 2011

[12-10-2011] O programa Amessan reinicia a súa actividade un ano máis co fin de atender as persoas maiores de 60 anos e aquelas que teñen algún tipo de discapacidade. Esta semana comeza unha nova edición do programa Amessan que, dende hai oito anos, leva promovendo hábitos de conduta saudables para as persoas adultas e anciáns de Ames. As actividades incluídas neste programa desenvolveranse nas salas de usos múltiples de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais sociais da Tarroeira, Piñeiro, Cruxeiras, Trasmonte, Agrón, Ameixenda, Bugallido e Covas. Este ano hai arredor de 400 persoas inscritas que asistirán ás actividades de ximnasia terapéutica, expresión a través das mans, expresión musical (clases de pandeireta), baile de salón e aos obradoiros de memoria.

A pesar de que sempre se incide en que Ames é un concello eminentemente mozo hai que destacar que existe unha franxa de idade que engloba as persoas maiores que tamén requiren unha atención especial. Na actualidade están censados no municipio amiense un total de 4.149 persoas maiores de 60 anos. Para atender as necesidades deste grupo social, o goberno municipal dálle continuidade ao programa Amessan co fin de promover hábitos de conduta saudables entre as persoas adultas e anciáns de Ames.

Dende o grupo de goberno encabezado por Santiago Amor apostan por darlle continuidade ao programa Amessan porque considérano moi positivo para o colectivo de persoas ao que está dirixido e porque moitos dos usuarios/as demandaron a súa continuidade ao remate do curso anterior. A concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, María Dolores Fernández, agradécelle ás asociacións que lle deixen ao Concello as instalacións onde se van a desenvolver as actividades incluídas neste programa. Por último, María Dolores Fernández deséxalle a todos os usuarios/as de Amessan que aproveiten o curso e que se divirtan nas actividades que se ofertan.

Nos últimos anos Amessan está cumprindo o seu obxectivo principal de promover o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, que están acadando un bo nivel de participación, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Este obxectivo conséguese a través do programa Amessan que se desenvolve nas salas de usos múltiples de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais sociais da Tarroeira, Piñeiro, Cruxeiras, Trasmonte, Agrón, Ameixenda, Bugallido e Covas. Nesta edición manteranse os mesmos grupos que se viñan desenvolvendo o curso pasado. Deste xeito, impártense as actividades de Amessan en 10 puntos distintos do territorio municipal.

Durante o curso 2011-2012 serán arredor de 400 usuarios/as os que poidan asistir ás actividades de ximnasia terapéutica, expresión a través das mans, expresión musical (clases de pandeireta), baile de salón e aos obradoiros de memoria. Estas actividades teñen como fin axudar a atrasar a deterioración psicobiolóxica e a aumentar a autoestima das persoas maiores.

Hábitos de conduta saudables

As clases comezan entre o 10 e o 14 de outubro, en diferentes días e horarios segundo a actividade e o lugar. As clases de expresión musical terán lugar na Ameixenda e en Trasmonte. Este obradoiro utiliza como vehículo de comunicación a música -clases de pandeireta- e traballan áreas físicas, creativas e relacións interpersoais.

Por outra banda, ás persoas que se apunten a ximnasia terapéutica potenciaráselles a actividade motriz, as habilidades cognitivas e faránselles propostas para mitigar a deterioración sensorial e perceptiva e os trastornos emocionais e afectivos. Esta actividade desenvolverase en Piñeiro, Bugallido, no Milladoiro, en Bertamiráns, na Tarroeira e en Cruxeiras.

A creatividade é a ferramenta básica da expresión a través das mans, que ademais busca a activación das habilidades manuais e a capacidade individual de elección, dado que cada persoa elixe libremente con que material traballar. Esta actividade desenvolverase nas parroquias de Agrón e de Cruxeiras.

O obradoiro de memoria impártese no Milladoiro e no local social de Covas. As clases de baile de salón impartiranse nos locais sociais de Bugallido, Ameixenda e Piñeiro. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 883 703, en horario de 10:00 h. a 14:00 horas, ou ao móbil 696 952 746, dende 18:00 h. ata as 20:30 horas.

Picando no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso no que figuran todos os horarios e lugares onde se impartirán as actividades incluídas no programa Amessan.