Pestanas principais

Esta semana comeza unha nova edición do programa Amessan coas xuntanzas de presentación

Martes, 17 de setembro de 2013

[17-09-2013] O Concello de Ames pon en marcha unha nova edición do programa Amessan. O mércores 18 e o xoves 19 de setembro celebraranse as reunións informativas previas ao comezo das actividades. Este programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e actividades relacionadas coa formación dun coro. Este ano a principal novidade será que se impartirá un novo obradoiro de inglés.

Un ano máis no mes de outubro porase en marcha o programa Amessan, un servizo de realización de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores. Este programa ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Antes de comezar a impartir as actividades do programa Amessan faranse varias reunións informativas nos locais onde se imparten as devanditas actividades. Deste xeito, o mércores 18 de setembro haberá cinco xuntanzas informativas. A primeira reunión será ás 17:00 h no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Ás 18:00 h celebrarase a presentación do novo programa na Ameixenda; ás 18:45 h en Covas; ás 19:15 h en Cruxeiras; e ás 20:00 horas en Piñeiro.

O día seguinte, o xoves 19 de setembro continuarán as xuntanzas informativas. Neste caso as presentacións comezarán ás 17:00 h en Agrón. As xuntanzas seguirán ás 17:45 h en Trasmonte; ás 18:30 h no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro; ás 19:30 h en Bugallido; e ás 20:15 horas na Tarroeira. Nestas reunións participará o persoal da empresa Esproade, que é a encargada de impartir este servizo municipal.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “nestas reunións explicaráselle aos usuarios/as as actividades que se desenvolverán no programa Amessan durante o curso 2013-2014, os horarios das actividades, o proceso de inscrición e a documentación que hai que presentar para realizar as inscricións. Ademais, escoitaranse todas as suxestións dos usuarios/as sobre os horarios e outras cuestións”.

Este programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e actividades relacionadas coa formación dun coro. Este ano a principal novidade será que se impartirá un novo obradoiro de inglés.