Pestanas principais

Esta semana remata o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios

Luns, 28 de marzo de 2011

[28-03-2011] As persoas que non renovasen praza ou preinscribiran aos seus fillo/as nos servizos complementarios (rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas) para o vindeiro curso escolar deben darse présa porque o día 31 de marzo remata o prazo. Con estes servizos a Concellaría de Educación pretende conciliar a vida laboral e familiar de todos os pais e nais durante o curso escolar 2011-2012. Este ano a principal novidade é que hai que realizar a renovación de praza non só no servizo de comedor senón tamén en Bos días cole e Tardes divertidas. Para renovar a praza nos comedores hai que pagar 10 euros en concepto de taxas, mentres que en Bos días cole e Tardes divertidas a renovación é gratuíta. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición.

O Concello de Ames abriu o prazo de preinscrición para os servizos complementarios da rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar. Este servizo, ten como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Durante este curso son 1.342 os nenos e nenas que participan nas actividades dos servizos complementarios, o que amosa o éxito destes programas educativos.

Ames é un dos municipios galegos cun maior incremento de poboación moza. Debido a este crecemento que se produce ano a ano aumenta paralelamente a demanda dos servizos complementarios destinados á poboación máis nova do municipio. Por este motivo, o goberno municipal aposta por incrementar periodicamente a oferta destes servizos, polo que cada mes son máis os que se benefician de proxectos como Bos días cole, Tardes divertidas e da Rede Municipal de Comedores Escolares.

Rede municipal de comedores escolares

O servizo da rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 983 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Bos días cole e Tardes divertidas

Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas volven un ano máis para facilitarlles a vida aos pais e nais que teñen dificultades para conciliar a súa vida laboral e familiar. Trátase dunha oferta educativa e de ocio que pretende ocupar o tempo de lecer dos máis cativos dun xeito divertido e educativo.

Este programa comezou a funcionar no ano 2004 en dous centros públicos do concello (CEIP A Maía e no CEP de Ventín) cun número de 42 usuarios fixos e un número variable de nenos e nenas que asistían de xeito ocasional. Na actualidade está funcionando en catro centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, a EEI Milladoiro e o CEP de Ventín, dirixíndose ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria, cun total de 359 usuarios.

Os rapaces e rapazas que forman parte de Bos días cole acoden antes á escola e permanecen nela ata o inicio das clases, facilitándolle así aos pais e nais que teñan que entrar aos seus traballos moi cedo a posibilidade de deixar os fillos e fillas na escola. Actualmente hai 242 usuarios/as empregando este servizo.

Tardes divertidas é unha oferta educativa e de ocio promovido polo goberno municipal para permitir que os pais e nais que traballan durante a tarde teñan un lugar onde deixar aos seus fillos para que poidan estudar e xogar baixo o control duns monitores. É un programa que tamén vai dirixido aos nenos e nenas que cursan 2º ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria. O horario do servizo é desde o remate do comedor escolar ata as 21:00 horas da noite e nel participan un total de 117 usuarios. Este servizo está dirixido tanto a familias empadroadas no concello, como persoas non empadroadas nel pero que traballan no municipio.

Prazo de preinscrición e renovación

O prazo de preinscrición e de renovación estará aberto ata o vindeiro 31 de marzo. Este ano a principal novidade é que hai que realizar a renovación de praza non só no servizo de comedor senón tamén en Bos días cole e Tardes divertidas. Para renovar a praza nos comedores hai que pagar 10 euros en concepto de taxas, mentres que en Bos días cole e Tardes divertidas a renovación é gratuíta. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se non se está ao día no pagamento do servizo no que están inscritos.

É importante recordar que os usuarios admitidos terán que realizar posteriormente a inscrición para poder gozar dos servizos ofertados para a conciliación da vida laboral e familiar no próximo curso escolar.

Os interesados poderán recoller o impreso de preinscrición, onde posteriormente o entregarán, na oficina municipal do Milladoiro ou no departamento de educación en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Asemade tamén está dispoñible na sección de AVISOS da web municipal. Non haberá que achegar documentación xunto coa preinscrición, aínda que se poderá requirir no caso de non haber prazas suficientes nalgún dos servizos.

Para máis información pódese poñer en contacto coa oficina municipal do Milladoiro ou co departamento de Educación en Bertamiráns, chamando ao teléfono 981 891 476.