Pestanas principais

Esta semana terán lugar as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 03 de setembro de 2024

A concellaría de Promoción Económica e Emprego, en colaboración coas concellerías de Mocidade e Benestar Social e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), desenvolven por terceiro ano consecutivo as xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local de cara ao inicio do curso lectivo. Nesta ocasión, a proposta alóngase durante dous días, e comprende actividades para a mocidade e para os cativos e cativas. Así, haberá dúas propostas de tardes lúdicas e sorteos que se desenvolverán o 4 de setembro no Milladoiro e o día 6 en Bertamiráns. Ademais, sortearanse vales de compra no comercio local valorados en 1.500 euros.

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, van acoller durante esta semana de setembro dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames. Trátanse das xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza por terceira vez a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración con XEA. Nesta ocasión, o evento contará coa participación dos departamentos de Mocidade e Benestar Social, así como co patrocinio da empresa de telecomunicacións Evoa Redes SL.

O mércores 4 de setembro, no Milladoiro, e o venres 6, en Bertamiráns, desenvolveranse entre as 17:00 e as 20:00 horas as distintas actividades, dirixidas a nenos e nenas a partir dos 3 anos (que deberán ir acompañados/as dun adulto). Haberá inchables, xogos do mundo para toda a familia e, para a mocidade, unha Holi Party, a festa de polvos de cores a partir das 19:30 horas. Ademais, a empresa Evoa Redes SL contará cun stand propio en ambas datas para achegar o seu traballo á veciñanza de Ames.

Todas estas propostas lúdicas estarán acompañadas do sorteo de vales de compra para diversas librerías e papelerías e vales do Concello, así como vales de compra cortesía da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). O sorteo terá lugar ao remate das actividades, a partir das 20:00 horas.

Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, xoguetería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco e xoguetería Piedra Papel Tijera).

Esta semana terán lugar as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e Bertamiráns