- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro do Rural e Participación cidadá, Santiago Márquez, visitaron hoxe ás obras que se están executando no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. A través destes traballos estanse mellorando os accesos e camiños interiores desta aldea. As obras marchan a bo ritmo e xa só queda pendente de realizar os traballos de mellora do pavimento que se fará con aglomerado e formigón. Este proxecto, que está sufragado con cargo ao POS+ 2020, ten un orzamento de 132.967,92 euros. A obra foi adxudicada á empresa Construcciones Iglesias Mera SL.
O Concello de Ames segue a traballar na mellora dos camiños do rural. Desta volta, coa mellora dos accesos e camiños interiores á aldea de Firmistáns. Os traballos comezaron coa canalización da rede de pluviais e queda pendente de executar a mellora do pavimento. Para elo vaise aplicar aglomerado en quente, no caso dos acceso, e empregarase formigón para a mellora dos camiños interiores. Isto supón un maior custe dos materiais empregados, pero garante que ditos viarios e camiños queden en boas condicións durante un maior tempo.
Esta mañá o alcalde de Ames e responsable da concellaría de Obras, Blas García, e mailo concelleiro do Rural e Participación cidadá, Santiago Márquez, visitaron o lugar de Firmistáns para comprobar o estado de ditas obras. Na visita estiveron acompañados de técnicos municipais, veciños do lugar e membros da empresa adxudicataria da obra. Esta obra que ten un orzamento de 132.967,92 euros foi adxudicada á empresa Construcciones Iglesias Mera SL. A totalidade deste proxecto sufrágase con cargo ao POS+ 2020.
O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, manifesta que "esta é unha obra moi necesaria xa que os accesos a Firmistáns se atopan nun estado no que xa se necesita unha actuación de mantemento e mellora". Ademais, destaca o alcalde que "esta actuación vén a ampliar o número de melloras que se están a realizar no rural e coas que se pretende darlle continuidade ao plan de investimentos para a realización de melloras nos núcleos rurais e que veñen a significar un esforzo económico moi importante".
Características das obras
A través deste proxecto vaise actuar nos viarios de acceso ao lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, compostos por 5 treitos de 180 metros, 40 metros, 360 metros, 105 metros e 85 metros con anchos medios de 4 metros para os tres primeiros e 5 metros para os dous restantes. Ademais, actuarase en 80 metros cadrados de sobreanchos. Para mellora de ditos viarios vaise mellorar a capa de rodaxe coa extensión de 5 centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Para os viarios interiores, de 465 metros cadrados e 655 metros cadrados, vaise demoler o pavimento actual e a formación dun novo con 15 centímetros de formigón delimitado por adoquín de pedra granítica todo elo sobre 10 centímetros de zahorra. Tamén se contempla a execución de catro treitos de cuneta transitable en formigón (180 metros, 50 metros, 105 metros e 85 metros) baixo os que se canaliza tubo de PVC para a recollida de pluviais.
Esta rede de pluviais tamén se executou baixo os pavimentos de formigón con 270 metros do mesmo tubo e 44 metros de PVC para as conexión das baixantes. Dita rede completouse coa colocación de 27 sumidoiros e 11 metros de caz con reixa. Tamén se contempla a limpeza previa de cunetas e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e o pintado das marcas viarios nos accesos aglomerados.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Firmistáns aguarda por el aglomerado y el hormigón para presumir de aldea"