Pestanas principais

Este domingo, 13 de abril, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso

Xoves, 10 de abril de 2025

O Hotel Congreso, situado no concello de Teo, acollerá o vindeiro domingo, 13 de abril, ás 11:00 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Ademais de coñecer o programa, as familias que o desexen poderán inscribirse para acoller a un neno ou nena durante este verán. Así mesmo, tamén se pode chamar aos números de teléfono 678 727 382 / 986 262 637 ou escribir ao enderezo electrónico asociacionsogaps@yahoo.es para recibir máis información sobre a iniciativa.

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza un coloquio informativo sobre o programa “Vacacións en paz”. A iniciativa consiste na acollida, durante os meses de xullo e agosto, de nenos e nenas saharauís que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Alxeria). Deste xeito, os cativos e cativas poden escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.

A charla informativa, que se desenvolverá no Hotel Congreso, situado no concello de Teo, o domingo, 13 de abril, ás 11:00 horas, tratará sobre o programa, que se presenta nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de proporcionarlles aos rapaces e rapazas unha estancia agradable e humanamente rica; e animar aos asistentes a acollelos durante o período estival para ofrecerlles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida e contribuír así á súa formación.

Dende o Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, anímase ás familias a solidarizarse co pobo saharauí e vivir unha experiencia única e inesquecible. As persoas interesadas no proxecto e que queiran coñecer o proceso a seguir poden chamar aos números de teléfono 678 727 382 / 986 262 637 ou escribir un correo electrónico ao enderezo asociacionsogaps@yahoo.es.

Durante este verán no concello de Ames repiten 7 nenos/as saharauís que xa estiveron en edicións pasadas. Estes 7 menores estarán con 6 familias (unha familia acolle a 2 nenos/as). Ademais, búscanse novas familias amesás que queiran participar no programa. Dende SOGAPS indican que se hai varias familias de Ames que se queiran sumar ao programa, poderán facelo porque se podería ampliar o número de nenos/as que pasen o verán no municipio amesán.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "SOGAPS realizará o próximo domingo 13 de abril unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz”"

Diario de Santiago: "Este domingo, 13 de abril, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso"

Este domingo, 13 de abril, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso

Multimedia

  • Este domingo, 13 de abril, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso