Pestanas principais

Este domingo, 14 de xullo, celébrase a IX Festa do chourizo ao viño e a II Degustación da orella de porco cocida

Venres, 12 de xullo de 2013

[12-07-2013] O campo da festa de Ortoño acolle este domingo, 14 de xullo, a novena edición da Festa do chourizo ao viño e a segunda edición da Degustación da orella de porco cocida. Esta celebración consolídase, ano tras ano, como referente gastronómico da comarca. A asociación gastronómica, recreativa e cultural do chourizo ao viño organiza un ano máis esta festividade onde a veciñanza poderá adquirir por 7 euros unha tarteira de barro con chourizo, pan, cachelos, xeado e café. A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 3 euros. O Concello de Ames colabora coa agrupación organizadora para facer deste acontecemento un día de ledicia gastronómica e divertimento para todos os públicos. Haberá carpa e inchables gratis para os nenos e nenas.

A festa dará comezo ás 12:15 horas da mañá coa celebración dunha misa solemne. A partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño con cachelos e da orella de porco cocida, todo isto regado con viño do Ribeiro. De sobremesa haberá xeado e café. A veciñanza amiense e todas aquelas persoas que se acheguen a esta festa poderán adquirir por 7 euros unha tarteira de barro con chourizo, pan, cachelos, xeado e café. A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 3 euros.

A degustación estará amenizada polo grupo de música tradicional “A requinta da Maía” e polo grupo de pandereteiras “As Maianas”. A partir das 16:00 horas haberá un concerto a cargo de Loli Nogueira, que foi finalista do concurso televiso “Tú sí que vales”. Loli Nogueira estará acompañada do guitarrista Leo Giannetto.

Este domingo haberá divertimento para todos os grupos de idade. Os máis novos poderán gozar xogando os inchables mentres que os maiores poderán xogar, a partir das 17:00 horas, á chave no IX Campionato de chave por parellas. A inscrición deberá realizarse ata as 16:30 horas do mesmo día. As tres primeiras parellas gañarán un trofeo que está doado polo Concello de Ames.

Ás 20:00 horas volve a música cun concerto de Hard Rock a cargo do grupo “Backslap”. E para rematar a festa relaxados desenvolverase a actividade “Cine na Carballeira” coa proxección da película Lo imposible, de Juan Antonio Bayona. Este filme está baseado nunha historia real onde se recrea a experiencia dunha familia española que viviu o tsunami que asolou a costa do sudoeste asiático en 2004 e que causou a morte de milleiros de persoas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "IX Festa do chourizo ao viño e a II Degustación da orella de porco cocida en Ortoño"
El Correo Gallego: "El chourizo y la orella vencieron al sol en Ortoño"
La Voz de Galicia: "Chorizo al vino, música, juegos y cine en la fiesta de Ortoño"