[18-08-2014] A praia fluvial de Tapia será o escenario o próximo domingo, 24 de agosto, da XXIX edición do Descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano, como novidade, a proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 12:30 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete desenvolverase a partir das 16:00 horas na praia fluvial de Tapia.
O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van vinte e nove, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 12:30 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames).
No descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete). Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A entrega de premios realizarase arredor das 14:00 horas.
Pola tarde, desenvolverase a segunda parte do evento. Entre as 16:00 horas e as 19:30 aproximadamente, realizarase a proba correspondente ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Para elo instalarase un circuíto dun quilómetro e medio na praia fluvial de Tapia. A entrega de premios realizarase arredor das 20:00 horas.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2014 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. A recollida de dorsais realizarase antes de cada proba nas instalacións da praia fluvial. Haberá un posto de avituallamento para que ao remate das probas os padexeiros/as poidan recargar enerxías con bebidas e froita.
Nesta edición está previsto que participen centos de padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Este domingo celébrase a XXIX edición do Descenso do Tambre"