Pestanas principais

Este domingo, 3 de marzo, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso

Sábado, 02 de marzo de 2024

O Hotel Congreso de Santiago acollerá o vindeiro domingo, 3 de marzo, ás 17:00 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Ademais de coñecer o programa, as familias que o desexen poderán inscribirse para acoller a un neno ou nena durante este verán. Así mesmo, tamén se pode chamar ao número de teléfono 678 727 382 ou escribir ao enderezo electrónico sogaps.oficial@gmail.com para recibir máis información sobre a iniciativa.

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza un coloquio informativo sobre o programa “Vacacións en paz”. A iniciativa consiste na acollida, durante os meses de xullo e agosto, de nenos e nenas saharauís que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Alxeria). Deste xeito, os cativos e cativas poden escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.

A charla informativa, que se desenvolverá no Hotel Congreso de Santiago o domingo, 3 de marzo, ás 17:00 horas, tratará sobre o programa, que se presenta nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de proporcionarlles aos rapaces e rapazas unha estancia agradable e humanamente rica; e animarase aos asistentes a acollelos durante o período estival para ofrecerlles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida e contribuír así á súa formación.

Dende o Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, anímase ás familias a solidarizarse co pobo saharauí e vivir unha experiencia única e inesquecible. As persoas interesadas no proxecto e que queiran coñecer o proceso a seguir poden chamar ao número de teléfono 678 727 382 ou escribir un correo ao enderezo electrónico sogaps.oficial@gmail.com.

Este domingo, 3 de marzo, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso