- Tematica
O Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, e o Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, organizan este domingo, 30 de abril, a décimo segunda edición do Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, no que colabora o propio Concello. O evento desenvolverase a partir das 11:30 horas no pavillón municipal de Bertamiráns. O programa incluirá dúas competicións entre os grupos das escolas e exhibicións dos clubs de patinaxe amesáns, que realizarán diferentes coreografías. Preme aquí para consultar a programación ao completo.
O pavillón municipal de Bertamiráns acolle este domingo 30 de abril o XII Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, un evento deportivo no que participarán as escolas de patinaxe artística de Ames, con diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e mostrarán o aprendido ao longo do curso.
O encontro abrirá as súas portas ás 11:30 e arrincará ás 12:00 horas, coas dúas primeiras exhibicións dos clubs de patinaxe de Ames: o CP Sarela, que contará coa actuación individual de Inés Peña Rodríguez, da categoría nacional xuvenil; e o CPA Omega, cun espectáculo de Aroha Traba Castiñeiras, da categoría nacional benxamín.
A continuación, arredor das 12:15 horas, dará comezo a competición dos grupos show (categoría base), que inclúe a cinco conxuntos e que durará aproximadamente media hora. Participarán o grupo de Barouta, con “As bonecas cobran vida”; os grupos 1 e 4 de Bertamiráns, con “Hakuna Matata” e “Amazonas”, respectivamente; e os grupos 1 e 0 do Milladoiro, con “O antigo Exipto” e “Pasión de Andalucía”.
Novamente, ás 12:45 horas, terán lugar dúas exhibicións individuais: a de Antía Casabella Cayazzo, do CPA Omega, e da categoría nacional cadete; e a de María Peña Rodríguez, do CP Sarela e da categoría nacional senior.
Xa ás 13:00 desenvolverase a última das competicións dos grupos show (categoría avanzada): os grupos G3 e G2 de Bertamiráns interpretarán “Peste” e “Realidade ou ficción?”, e o G2 do Milladoiro “A vida pirata”.
Para rematar, terán lugar as exhibicións de Jorge Sanmartín Villanueva, do CP Sarela (categoría nacional xuvenil), e Alicia Lariño Iglesias, do CPA Omega (categoría nacional cadete).
Finalmente, arredor das 13:40 horas realizarase unha entrega de medallas e diplomas aos participantes.