[12-06-2015] Dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amesá unha alternativa á costa galega. Este luns comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 h a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 h a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo.
Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.
Carnés das piscinas
O día 1 de xuño comezou o prazo de solicitude de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro. Para solicitar a tarxeta de usuario/a será preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné e o resgardo de pagamento das taxas. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.
Todas as persoas que estean interesadas en obter o carné de usuario/a das piscinas descubertas municipais poden solicitar máis información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, chamando ao número de teléfono 981 884 991, e na Casa da Cultura do Milladoiro, no número de teléfono 981 535 940.
As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.
Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Deste xeito, acondicionouse a zona axardinada e acometeuse a limpeza dos vasos das piscinas descubertas de Bertamiráns, do Milladoiro e da área recreativa de Tapia.
A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro.
A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro.