Pestanas principais

Este luns pecha provisionalmente o aparcadoiro da Telleira e haberá cortes de tráfico en Bertamiráns pola Festa do Entroido

Sábado, 25 de febreiro de 2017

[25-02-2017] O Concello de Ames informa de que este luns, 27 de febreiro de 2017, terá lugar en Bertamiráns a Festa de Entroido 2017, que se vai desenvolver no aparcadoiro da Telleira. Debido a iso, o referido aparcadoiro quedará pechado durante a celebración da festa, e polo tanto queda prohibido o estacionamento no aparcadoiro dende as 12 da noite do domingo 26 de febreiro ata as 12 do mediodía do martes 28 de febreiro de 2017. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o aviso de dito peche.

Así mesmo queda prohibido estacionar nos tramos das rúas Cómaro, Travesía do Lodeiro, Lodeiro e avenida da Peregrina, que rodean o aparcadoiro, dende as 14:00h ata as 20:00h do luns 27 de febreiro de 2017. O desfile que está previsto que saia ás 18:00 do aparcadoiro da Telleira, percorrerá as rúas avenida da Peregrina, avenida da Maía, Poeta da Maía, Pedregal, avenida da Maía e avenida da Peregrina.

A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas. Premendo no banner que está na cabeceira da web municipal ou na sección de AVISOS, pódese obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns 27 de febreiro, día do concurso, ás 11:00 horas.

Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar apoiados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.

Categorías e premios do concurso de disfraces
Ademais dos premios das categorías infantil, adultos, grupos e comparsas haberá un premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe. Este ano repítese o premio especial, creado o ano pasado, á mellor copla de composición propia cantada en galego, que está dotado de 150 euros. A este premio poderán optar os grupos e comparsas que interpreten unha copla de composición propia.

Os grupos ou comparsas terán, como máximo, tres minutos para cantar a súa copla subidos ao escenario. As actuacións e os disfraces serán avaliados por tres persoas designadas polo departamento de Cultura e Educación cuxa decisión, inapelable, será dada a coñecer o mesmo día do concurso. Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adulta, de grupos e de charangas, que se suman a outros 100 euros destinados ao mellor disfrace reciclado e 150 euros á mellor copla. 

O desfile de disfraces comezará ás 18:00 horas e os concursantes desfilarán, acompañados da música que marque a charanga. Este ano Os Festicultores Troupe e A Banda da Balbina porán música a esta festa. Nesta edición, como novidade, cambiase a actuación que facía unha orquestra despois do desfile, por unha banda da comarca como é A Banda da Balbina.