Pestanas principais

Este mércores, 17 de marzo, preséntase no Pazo da Peregrina a obra colectiva “Libres e Vivas”

Luns, 15 de marzo de 2021

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá este mércores, 17 de marzo, ás 20:00 horas, a presentación de Libres e Vivas, unha obra coral escrita por 10 autoras que, desde diferentes puntos de vista, falan da igualdade e da violencia machista. O libro, publicado pola editorial Galaxia, aborda a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade e da igualdade, para que, dende a literatura, entendamos como é o seu sentir.

As bibliotecas municipais do Concello de Ames organizaron unha serie de actividades para o mes de marzo relacionadas coas dúas grandes celebracións do mes: o Día da Muller e o Día da Poesía. O próximo evento será a presentación do libro Libres e Vivas o mércores 17 de marzo, ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina.

Trátase dun libro de relatos breves escritos por Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira. As autoras abordan a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade e da igualdade, para que, dende a literatura, entendamos como é o seu sentir. Deste xeito, as escritoras mostran desde diferentes perspectivas o machismo, o que leva a enriquecer a súa achega persoal a esta obra.

Á presentación acudirán algunhas das autoras como  Charo Pita, María López Sández, María Xosé Porteiro e Mercedes Queixas. Ademais, estarán acompañadas pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. A entrada é de balde e haberá un aforo de 30 persoas como máximo.

Recitais de poesía e faladoiro
O martes 23 de marzo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, realizarase unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia coa participación de Diego Horschovsk, Dinamizador cultural e organizador Poetry Slam Compostela e Filosofía a Pé de Rúa; Anna R. Figueiredo, escritora, divulgadora cultural e vicepresidenta da AELG; e Carlos Da Aira, poeta e organizador de Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentación de ‘Libres e Vivas’ en Bertamiráns"

CONVITE - Libres e vivas 17 marzo