Pestanas principais

Este mércores, 19 de maio, Montse Pena presenta a obra “Intempestiva” no Pazo da Peregrina

Martes, 18 de maio de 2021

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá este mércores, 19 de maio, ás 20:00 horas, a presentación de “Intempestiva”, unha biografía literaria de Xela Arias. O libro, fai un percorrido da vida e obra de a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. As Concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística programaron para este mes de maio toda unha xeira de actividades encamiñadas a valorizar as nosas letras e dar a coñecer a Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano.

Unha das actividades que forman esta ampla programación, é a presentación da obra “Intempestiva”, libro escrito pola filóloga e crítica literaria, Monste Pena. O volume é unha biografía literaria, de 132 páxinas, na que se fai un percorrido da obra e vida de Xela Arias, dende o seu nacemento (Sarria, 1962) ata a súa morte (Vigo, 2003). Pena emprega unha prosa próxima á narrativa, afastada de formalismos académicos.

Montse Pena, nada en Sada, é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como profesora no departamento de Didácticas Aplicadas da mesma universidade, o que compaxina coa crítica literaria na Radio Galega e coa investigación en didáctica da literatura e literatura infantil, os seus ámbitos de especialización. 

Poemarios gañadores do certame de poesía erótica “Illas Sisargas”

Por outra banda, este xoves 20 de maio, no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas, presentaranse os poemarios gañadores do certame de poesía erótica “Illas Sisargas”. Asistirán Charo Pita, que acadou o primeiro premio coa obra “O cuarto de Jane” e Laura R. Cuba que gañou un accesit con “Rascamasseiras”. O mércores 26, está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames para presentar “Un señor elegante” a súa última novela.

Cómpre salientar que tamén neste mes de maio entregaranse os premios da XVIII edición do Certame Literairo de Ames. O acto terá lugar o venres 21 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Exposicións sobre Xela Arias

A exposición urbana “Xela Arias, desde nós en ti” estará exposta ata o 31 de maio. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá.  Outros traballos realizados tamén por alumnos e alumnas do mesmo instituto acadaron o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia e poderán verse na Casa de Cultura de Bertamiráns do 16 ao 21 de maio.

Obradoiros

Coa intención de achegar a figura da poeta homenaxeada aos máis cativos/as, as Bibliotecas municipais organizaron diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar o 21 de maio, ás 17:30 horas, na Biblioteca do Milladoiro e está dirixido á rapazada de 3º a 6º de primaria. O obradoiro leva por título “Quen dis que era Xela Arias?” e correrá a cargo de Xandobela. Ata o 19 de maio está aberto o prazo para inscribirse.

O sábado, 29 de maio, ás 11:30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto ata o 27 de maio.

Concerto e espectáculo

Xa están na billeteira municipal os convites gratuítos para o espectáculo de narración oral “Ao redor de Xela Arias”. Raquel Queizás protagoniza esta contada que afonda na vida e na obra de Xela Arias. Terá lugar o 25 de maio, ás 17:30 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns e poderán asistir todos e todas as maiores de 5 anos que o desexen.

Un concerto da Banda da Loba, que presentará “A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias”, pechará, o día 27 de maio, ás 21.00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns, as actividades do mes das letras en Ames.

Montse Pena presenta a obra “Intempestiva”

Multimedia

  • Montse Pena presenta a obra “Intempestiva”
  • Poemarios gañadores do certame de poesía erótica “Illas Sisargas”