- Tematica
Este mércores, 24 de marzo de 2021, celebrarase un pleno extraordinario solicitado polo grupo municipal popular, no que se debaterá a modificación e derrogación de varias ordenanzas fiscais. Deste xeito, debaterase a modificación do artigo 13 da ordenanza do IBI, a modificación da ordenanza do IVTM, a modificación da ordenanza do ICIO, modificación do artigo 14 da ordenanza do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, modificación do anexo I da ordenanza da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, modificación do artigo 6 da ordenanza da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais, e modificación do artigo 6 da ordenanza da taxa polas subministración de auga. Ademais, abordarase a derrogación de tres ordenanzas; taxa de licencia de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior, taxa por expedición de licencias urbanísticas, e taxa por expedición de documentos administrativos. Estes puntos foron ditaminados desfavorablemente na Comisión informativa permanente de Económica e Facenda e Especial de Contas celebrada o pasado 17 de marzo.
O grupo municipal popular mediante escrito, presentado por rexistro o 1 de decembro de 2020, solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario co fin de adoptar medidas económicas e sociais en defensa dos afectados pola Covid-19. Dito pleno convocouse para o xoves 17 de decembro de 2020, pero posteriormente foi desconvocado ante a petición dos propios concelleiros/as do grupo municipal popular, para que dito pleno se celebrase con idéntica exposición de motivos e orde do día, unha vez completado o correspondente expediente administrativo e emitidos os correspondentes informes preceptivos.
Deste xeito, o pleno solicitado polos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular celebrarase este mércores, 24 de marzo, ás 20.30 horas. A sesión, por mor da pandemia da Covid-19, celebrarase coa asistencia presencial do alcalde, secretaria, interventora e tesoureira, e a asistencia telemática do resto dos/as concelleiros/as. Neste pleno extraordinario debaterase a modificación e derrogación de varias ordenanzas fiscais.
Deste xeito, debaterase a modificación do artigo 13 da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles, reducindo o tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de natureza urbana ao mínimo legal do 0,40%; a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, equiparando as cotas tributarias ás recollidas no artigo 95.1 do texto refundido da lei reguladora de facendas locais (aprobado polo real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo); modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións e instalacións e obras reducindo o tipo impositivo ao 0,10%, e a modificación do artigo 14 da ordenanza fiscal do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana reducindo o tipo impositivo ao 1%.
Tamén se tratará a modificación do anexo I da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, rebaixando nun 20% todas as tarifas contidas no anxo I da ordenanza; a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais reducindo nun 20% as cotas tributarias; e a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración da auga rebaixando nun 20% as cotas tributarias.
Ademais, abordarase a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola licenza de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior daquelas actividades sometidas a comunicación previa ou declaración responsable; a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de licenzas urbanísticas; e maila derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.
Comisión informativa permanente de Económica e Facenda e Especial de Contas
Previamente, o pasado mércores 17 de marzo de 2021, celebrouse a Comisión informativa permanente de Económica e Facenda e Especial de Contas, na que se ditaminaron desfavorablemente os asuntos recollidos na convocatoria de pleno extraordinario solicitado polos/as concelleiros/as do grupo municipal popular. Votaron a favor os membros do Partido Popular de Ames, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra, e os concelleiros do grupo mixto abstivéronse.
Ademais, en dita comisión informativa o voceiro do grupo municipal popular solicitou a retirada dos puntos 11 e 12 da solicitude de pleno. No punto 11 solicitábase destinar parte dos fondos que o municipio reciba do mecanismo europeo Next Generation Europe ao apoio aos autónomos e PEMES, especialmente paralizados no concello desde o 13 de marzo de 2020, co obxectivo de que poidan desenvolver accións de dixitalización e eficiencia enerxética, entre outras elixibles nestes fondos, que lles permitan reactivar o seu negocio.
Por último, no punto 12 pedíase redactar unha nova ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa. Asemade, solicitábase que na nova ordenanza se habilitase un marco normativo que posibilitase a devolución de oficio de todas as taxas cobradas no 2020, ao abeiro da anterior ordenanza reguladora que foi derrogada na sesión plenaria extraordinaria do 14 de maio de 2020.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Intentan una rebaja de tributos amienses que el tripartito ni concibe"