Pestanas principais

Este mes de febreiro volve o programa Trouleando cunha tarde de paintball

Luns, 03 de febreiro de 2025

A Concellería de Mocidade inicia as actividades do programa Trouleando para este 2025. Desta volta, os mozos e mozas de Ames poderán gozar dunha tarde de paintball no recinto de Eo dos Menecos, en Teo, o vindeiro sábado 22 de febreiro. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade amesá nada entre 2012 e 1995. o prazo para inscribirse comeza este mércores día 5 e estará aberto ata o vindeiro mércores 12 de febreiro. Hai 40 prazas dispoñibles e adxudicaranse por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Mocidade, volve a presentar unha nova edición do programa Trouleando. Deste xeito, neste mes de febreiro organízase unha tarde de paintball para que a mocidade de ames goce dunha xornada diferente de diversión e deporte entre a natureza. Ademais, esta actividade fomenta o compañeirismo e achega unha gran dose de aventura e emoción entre os participantes.

O paintball é un xogo de equipo que combina dun xeito moi divertido deporte, contacto coa natureza, estratexia e descarga de adrenalina. O obxectivo do xogo é eliminar aos compañeiros do equipo contrario coas marcadoras de aire comprimido que disparan bolas de pintura biodegradables.

Para gozar desta actividade de maneira segura, antes de comezar, os monitores do recinto explicaranlle á mocidade o manexo do material, as normas do xogo e as medidas de seguridade. Así mesmo, farase unha división entre os participantes en función das idades, polo que ao paintball con marcadoras de aire comprimido só poderán xogar os mozos e mozas a partir dos 14 anos. Os menores inscritos na actividade só poderán competir coas marcadoras infantís.

A actividade realizarase o vindeiro sábado 22 de febreiro pola tarde. Haberá servizo de autobús e sairá ás 15.00 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 15.15 horas. A hora de regreso será arredor das 19.30 horas no Milladoiro e ás 19.45 en Bertamiráns.

Inscricións
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse desde este mércores 5 ata o vindeiro día 12 de febreiro e deberán de enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Só poderán inscribirse mozos e mozas empadroados en Ames e nados entre 2012 e 1995. Hai 40 prazas dispoñibles e asignaranse por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.

Os participantes deberán de levar a súa propia toalla, xunto con roupa cómoda e zapatillas que se poidan manchar. Ademais, recoméndase levar roupa e calzado de reposto para cambiarse despois da actividade.

Será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver esta actividade; en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Para resolver calquera dúbida contacta co departamento de Xuventude chamando ao número de teléfono 616 08 32 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: xuventude@concellodeames.gal.

Este mes de febreiro volve o programa Trouleando cunha tarde de paintball

Multimedia

  • Este mes de febreiro volve o programa Trouleando cunha tarde de paintball