Pestanas principais

Este sábado, 17 de xuño, celébrase no Milladoiro a clausura das Escolas deportivas municipais

Martes, 13 de xuño de 2023

O curso 2022-2023 das escolas deportivas municipais chega ao seu fin. Como todos os anos, celebrarase un evento de clausura no que os rapaces e rapazas terán a oportunidade de mostrar o aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. O acto terá lugar este sábado, 17 de xuño, a partir das 16:30 horas, na área deportiva do Milladoiro. Trátase dun evento familiar e festivo, que estará aberto a todas as persoas que desexen asistir. A xornada está organizada polo departamento de Deportes de Ames, en colaboración con ServiPlus. 

Este ano, a festa de clausura das escolas deportivas terá lugar na área deportiva do Milladoiro. No pavillón deportivo haberá actividades en dúas zonas diferentes: na pista e no ximnasio. Por outra banda, haberá tamén unha exhibición ou ben na pista cuberta ou na pista exterior do IES do Milladoiro.

As actividades comezarán ás 16:30 horas, na pista do pavillón, coa exhibición de ballet, que rematará ás 16:45. A esa mesma hora arrincarán os rapaces e rapazas de judo, e a súa mostra finalizará arredor das 17:00 horas. A mostra de ximnasia rítmica desenvolverase entre as 17:00 e as 17:30 horas.

Por outra banda, xa cara a segunda metade da tarde, terá lugar a clausura de baloncesto e patinaxe. Os nenos e nenas de basket mostrarán o aprendido a partir das 17:30 e a ata as 18:45 horas. Polo seu lado, o alumnado de patinaxe realizará unha exhibición a partir das 18:45 e ata as 19:30 horas.

Paralelamente, no ximnasio do pavillón do Milladoiro estarase desenvolvendo unha partida de xadrez, que dará comezo ás 16:30 horas. Para rematar, haberá tenis a partir das 17:00 horas e ata arredor das 18:45. Será na pista cuberta ou na exterior do IES do Milladoiro, en función da meteoroloxía.

1.581 inscritos nas escolas deportivas
Neste curso 2022-2023, as escolas deportivas contan coa participación dun total de 1.581 persoas, que acoden a algunha das vinte actividades que se ofrecen dende o departamento de Deportes.

Así, nos cursos de adestramento funcional hai un total de 30 participantes, en aerozumba 117, e en ballet 17. Por outro lado, nas clases de baloncesto inscribíronse 129 persoas, mentres que en fútbol sala feminino hai 34 inscritas, e en fútbol sala mixto 77. Na actividade de GAP-Aerocombat están a participar 39 persoas, en ioga 107, e en judo 65.

No deporte de natación anotáronse 23 persoas, en patinaxe 169 e en pilates 304. Tamén se ofrece predeporte, no que participan 46 persoas; spinning, abdominais e glúteos, con 119 inscritos; squash, con 12; tenis, con 66, e voleibol, con 41.
Na actividade de xadrez participan un total de 40 persoas, en ximnasia de mantemento 77, e en ximnasia rítmica 69.

Cartaz da clausura das escolas deportivas

Multimedia

  • Cartaz da clausura das escolas deportivas