Pestanas principais

Este sábado, 18 de decembro, comezan os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”

Venres, 17 de decembro de 2021

A programación de “Nadal con Ames na Rúa” inclúe obradoiros para todos os públicos e iniciativas para fomentar o comercio local e encher de vida as rúas. O pasado 8 de decembro comezou o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado. Agora, este sábado, 18 de decembro, comezan os obradoiros de Nadal. O primeiro taller realízase este sábado, 18 de decembro, no local de Biosbardos, en Bertamiráns, onde se impartirán dúas sesións dun obradoiro de cestería, unha sesión pola mañá e outra pola tarde. Para este obradoiro están todas as prazas ocupadas. 

As primeiras actividades do programa “Nadal con Ames na Rúa” comezan este sábado, 18 de decembro, cando se inicia o ciclo de obradoiros para todos os públicos. Cunhas 250 prazas repartidas entre 15 talleres para persoas adultas, rapaces e rapazas e familias, estes pequenos cursos impartiranse ata o 3 de xaneiro de 2022.

A oferta de obradoiros é diversa, e inclúe actividades manuais, cociña, panadaría e outras habilidades. Os talleres para persoas adultas dispoñen de ata 70 prazas, cunha tendencia importante á cociña e ás manualidades. Os seis cursos para este grupo de idade consisten na preparación de menús para Noiteboa, Nadal e Fin de Ano, así como a elaboración de xabóns, cestaría ou pan de bao.

O grupo máis numeroso de obradoiros son os dirixidos á rapazada, con sete talleres e 130 prazas. As actividades neste caso son moito máis diversas, e inclúen cursos de cestaría, robótica, pinta pedras ou malabares, ademais da elaboración de coroas de Nadal, xabóns ou mesmo pizzas saudables.

Prazas libre nos obradoiros infantís
Para o público infantil quedan prazas dispoñibles en varios obradoiros. En Bertamiráns, hai prazas dispoñibles no taller de xabóns do luns 20 de decembro, que se imparte en horario de 17:00 a 19:00 horas, para rapaces e rapazas que teñan a partir de 13 anos en diante. Ademais, quedan prazas dispoñibles para dous talleres que se impartirán no Milladoiro: o obradoiro de xabóns do luns 20 de decembro, que se impartirá de 11.00 a 13.00 horas, e mailo obradoiro de cestería do mércores, 22 de decembro, que se realiza de 16:00 a 18:00 horas. Estes dous talleres tamén están dirixidos a rapaces e rapazas que teñan a partir de 13 anos en diante.

Prazas libres para os talleres familiares
Por último, dous talleres están enfocados ao público familiar, con 50 prazas reservadas para que as persoas asistentes aprendan linguaxe de signos ou a facer unha piñata na casa. Nestes obradoiro tamén quedan algunhas prazas libres. Existen prazas dispoñibles en dous obradoiros que se imparten no Milladoiro: taller de piñatas familiar (mércores 29 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas) e obradoiro de linguaxe de signos Familiar (xoves 30 de decembro de 11:00 a 13:00 horas). En Bertamiráns quedan prazas dispoñibles no obradoiro de linguaxe de signos que se imparte o xoves 30 de decembro en horario de 17.00 a 19:00 horas.

A totalidade dos obradoiros realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, de tal maneira que o maior número posible de veciñas e veciños poidan participar neles. As actividades terán lugar nos establecementos Biosbardos Animación e Dospasos, en Bertamiráns, e en Retumban Risas, no Milladoiro. Para consultar o programa completo de obradoiros, pódense consultar os diferentes horarios e quendas nas fichas de inscrición para adultos ou para o público infantil.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “a boa acollida que están tendo os obradoiros de Nadal” e recorda que “quedan prazas dispoñibles nalgúns obradoiros. Para inscribirse hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal”.

Conciliación para fomentar o comercio local e a hostalaría
Por outra banda, ata o 8 de xaneiro, e en determinadas datas nas que a conciliación é máis complicada, como fins de semana ou períodos de vacacións, a veciñanza de Ames poderá deixar aos seus fillos e fillas nos locais de ocio Educalia, en Bertamiráns, e Planeta Máxico, no Milladoiro, para poder gozar da hostalaría local ou mercar nos establecementos amesáns.

Para usar este servizo, terase que presentar un tícket de compra de calquera importe dalgún comercio ou local hostaleiro do concello. Ademais, recordou que as persoas adultas que asistan aos obradoiros do programa de Nadal poderán deixar ás súas nenas e nenos nos locais de ocio, presentando a folla de inscrición.

Poderase levar aos rapaces e rapazas aos locais polas mañás, de 11:00 a 13:00 horas, ou polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas. Os días escollidos para estas actividades de conciliación son os sábados 4, 11 e 18, ademais do 22, 23 e 24 de decembro, só en horario de mañá. Este servizo estará dispoñible, en horario de mañá e tarde, do 27 ao 30 de decembro e os días 3, 4, 7 e 8 de xaneiro.

Cartel do programa "Nadal con Ames na Rúa"

Multimedia

  • Cartel do programa de Concilia co comercio en Ames