Pestanas principais

Este sábado, 19 de decembro, volve ofrecerse o servizo de conciliación para facilitar as compras de Nadal no comercio local

Venres, 18 de decembro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, volve a ofrecer mañá sábado, 19 de decembro, o servizo de conciliación para facilitar as compras de Nadal no comercio local. O servizo continuará ofrecéndose a próxima semana os días 21, 22, 23, 24 e 26 de decembro. Este servizo, que se estenderá ata o 9 de decembro de 2021, desenvolverase nos centros de ocio; Planeta Máxico, no Milladoiro, e A Mona Ramona, en Bertamiráns. Para poder facer uso deste servizo de xeito gratuíto tan só hai que presentar un tícket de compra dalgún establecemento comercial de Ames. Premendo nesta ligazón poderás consultar os días e horas do servizo de conciliación

Unha das actividades incluídas na programación “Un Nadal diferente” é o servizo de conciliación para facer as compras de Nadal. Este servizo ten o obxectivo de facilitar xornadas de compras tranquilas aos pais e nais amesáns e forma parte da campaña de apoio ao comercio local que se pon en marcha coincidindo con estas datas festivas.

Con só presentar un tícket dunha compra feita entre o 12 de decembro e o 9 de xaneiro en calquera establecemento comercial de Ames, a rapazada amesá terá dereito a unha xornada de ludoteca gratuíta e as familias poderán facer as súas compras tranquilamente. No servizo de conciliación poderán participar nenos e nenas de 3 anos en diante.

Os centros de ocio nos que se pon en marcha esta iniciativa son: Planeta Máxico, no Milladoiro, e A Mona Ramona, en Bertamiráns. O servizo de conciliación desenvolverase ata o 9 de xaneiro, sempre e cando a normativa pola Covid-19 o permita. Dependendo do día, este servizo ofertarase en horario de mañá, de 10.30 a 13.30 e de 11.00 a 13.00 horas, ou de tarde de 17.00 a 20.00 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o servizo forma parte da campaña de apoio ao comercio de Ames en Nadal. Esta iniciativa está ideada coa finalidade de potenciar as compras nesta época festiva tan importante para o sector do comercio, co obxectivo de apoiar, potenciar e divulgar o tecido empresarial e comercial amesán”.

 

Este sábado, 19 de decembro, volve ofrecerse o servizo de conciliación para facilitar as compras de Nadal no comercio local