- Tematica
Como continuación ás actividades programadas dentro do Outono dos Cogomelos pola Aula da Natureza do Concello de Ames, este sábado 16 de novembro realizarase un novo curso micolóxico. Terá lugar na Aula da Natureza (situada no lugar de Quintáns, na parroquia da Ameixenda) en horario de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde, incluíndo unha saída. O número de prazas limítase a 30.
Despois do éxito doutras actividades como a primeira saída ao campo que se levou a cabo o pasado 12 de outubro, ou o curso de iniciación no mundo cos cogomelos do 19 de outubro, segue a programación micolóxica do Concello de Ames no mes de novembro a cargo da Aula da Natureza.
Nesta nova actividade, na que quedan unhas poucas prazas dispoñibles, realizarase un maior afondamento no mundo dos cogomelos co uso de claves, cultivo e posterior cociñado. Desta maneira, pola mañá realizarase un pequeno resumo do curso anterior de iniciación no mundo micolóxico, para aquelas persoas que non puideron asistir a esa primeira xornada.
Posteriormente, terá lugar unha saída no entorno da Aula, na que se levará a cabo un maior afondamento en especies máis peculiares de cogomelos. Xa pola tarde, abordaranse as súas diferentes opcións de cociñado e conservación.
Aberta a inscrición para a última actividade micolóxica
O día 23 de novembro terá lugar a última das actividades programadas. Será unha saída ao campo fóra do termo municipal de Ames. A actividade, guiada pola experta Sira López, axudará aos participantes no recoñecemento e identificación de cogomelos. O horario da mesma é de 10.30 a 16.00 horas e o número de prazas é de 50 previa inscrición, das cales quedan algunhas dispoñibles.
As persoas que estean interesadas nas actividades, poden apuntarse enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre estas xornadas micolóxicas, pódese chamar ó 660 004 665.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Curso micolóxico coa Aula da Natureza de Ames"