- Tematica
Este venres, 20 de decembro, ás 17.30 horas, terá lugar unha andaina solidaria a favor do Banco de Alimentos Municipal do Concello de Ames. Haberá unha carpa habilitada na praza de Chavián, na que se repartirá chocolate e rosca para todos os participantes, ademais da realización de diversos sorteos. Todo aquel que se anime poderá asistir disfrazado, cunha temática relacionada co Nadal. En caso de choiva substituírase a andaina por actividades deportivas dirixidas e orientadas a idade/condición física dos asistentes dentro da propia carpa.
A andaina solidaria, organizada para este venres, 20 de decembro, por parte da Oficina de Voluntariado de Ames e polo departamento de Sanidade, ten como obxectivo as doazóns de produtos de Nadal e/ou produtos de hixiene para os máis desfavorecidos.
Nesta campaña tamén colaboran os colexios e escolas infantís municipais, así como as asociacións de comerciantes e empresarios do concello e outros colectivos como JUPEMI e ASPAMITE. O alumnado dos colexios e das escolas infantís municipais colaboran coa recollida de alimentos, mentres que as asociacións de comerciantes e empresarios axudan coa recollida de produtos de hixiene persoal para entregar no día do andaina.
Trátase dunha ruta circular de aproximadamente 5 quilómetros, que discorrerá pola ruta dos parques de Bertamiráns. Ademais, todo aquel que lle apeteza poderá asistir disfrazado, cunha temática relacionada co Nadal. En caso de choiva substituírase a andaina por actividades deportivas dirixidas e orientadas a idade/condición física dos asistentes dentro da propia carpa.
Desta maneira, dende o departamento de Benestar Social do Concello de Ames animan a participar no evento solidario a toda á veciñanza, independentemente da súa idade, e axudar dunha maneira divertida a todos aqueles que máis o necesitan.