Pestanas principais

Este venres, 22 de xaneiro, represéntase en Bertamiráns o espectáculo infantil “Paio e o poder da música”

Martes, 19 de xaneiro de 2021

Esta semana comeza a programación de teatro, música e danza do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2021. Dita programación comeza co espectáculo “Paio e o poder da música”, a cargo de Oviravai. Este espectáculo representarase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, este venres 22 de xaneiro, ás 18.00 horas. Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros.

Paio, un teixugo molón, achegará aos nenos e nenas de Bertamiráns novas aventuras e novos amigos como o oso Aurelio ou o armadillo Armando. Xuntos van descubrir o poder da música e da amizade. Acompáñanos nesta viaxe e aprenderás a importancia de coidar o planeta e tamén as criaturas que viven nel. Este espectáculo ofrece música para non parar de bailar e unha historia inolvidable.

Ademais do divertimento, este traballo contén unha clara finalidade educativa. No espectáculo trátanse temas tan trascendentes e actuais coma o bullying, a igualdade, o reciclaxe ou a literatura galega.

“Paio e o poder da música” é representado por Oviravai que son Verónica Santalices, Laura Iglesias, Federico Wlicki e David Álvarez. Eles fan todo: tocar, ilustrar e, sobre todo, crear música. A iso se dedican, nalgúns casos dende hai décadas e polo mundo adiante. Son veciños de Vigo e de porta, así que case que se pode dicir que ensaian no portal do edificio no que viven. As andanzas de Paio é o seu primeiro traballo na colección Sonárbore de Galaxia.

Venda de entradas
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

A-Bonos
Para facilitar a asistencia da veciñanza amesá á ditos espectáculos vén de nacer o A-Bono para asistir aos sete espectáculos dirixidos a público infantil e aos seis espectáculos para público adulto que se van a desenvolver durante o primeiro semestre de 2021. Deste xeito existen dous tipos de A-Bonos:

-Abono Teatro Adulto: 15 euros. Válido para asistir aos seis espectáculos deste 1º semestre (A Lingua das Bolboretas, O Montacargas , Sofía e as Postsocráticas, Mocos, Pink Unicorns, Liberto ). Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.

-Abono Teatro infantil: 14 euros. Válido para asistir aos sete espectáculos deste 1º semestre (Paio e o poder da música , Voa voa!, Uxía (trío), Catro, Mai Mai, Almanaque musical, Don Gaiferos) . Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.

A venda de A-Bonos realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro a partir do luns 15 de xaneiro, os luns, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 horas. Tamén se fará o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo de cada función (de quedar bonos dispoñibles). Para máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662377444. Preme nesta ligazón para obter máis información sobre os A-Bonos e a venda de entradas.

Normas de organización e acceso ao recinto
• A venda de entradas pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. Unha vez comezado o espectáculo, ninguén poderá acceder á sala.
• Solicítase a máxima colaboración anticipando a hora de chegada para evitar colas a última hora que produzan o atraso do comezo do espectáculo.
• As portas de acceso abriranse 15 minutos antes da hora prevista do comezo do espectáculo.
• Todo o público deberá contar con entrada, independentemente da idade ou de ocupar ou non butaca. Non poderá acceder ao recinto ninguén sen entrada para poder computar a capacidade efectiva por razóns de seguridade e conforme ao número de prazas permitido en cada recinto. A capacidade é única e compútase por persoas, non por butacas ocupadas.
• Non se admiten cambios nin devolucións.
• A organización informa, nos programas editados para a difusión de cada programación, sobre as idades recomendadas para de-terminados espectáculos. Solicitamos que, na medida do posible, se respecten esas recomendacións co obxectivo de garantir o seu correcto desenvolvemento.
• Nos espectáculos programados quedan reservados todos os dereitos de imaxe e de propiedade intelectual. As persoas portado-ras da entrada non poderán introducir cámaras de fotografar, de vídeo ou gravadoras; tampouco poderán filmar ou gravar o espectáculo sen autorización escrita do/a organizador/a; en todo caso, actuarase conforme os acordos e a lexislación vixente que corresponda.

Paio e o poder da musica portada.

Multimedia

  • Paio e o poder da musica portada.
  • Paio e o poder da musica portada.