- Tematica
Ao longo da xornada de mañá, 24 de febreiro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá a primeira Tribuna Académica de cidades e comunidades sostibles. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polos departamentos de Educación e Axenda Urbana do Concello de Ames, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Oporto. No evento, que é de acceso libre, participarán expertos en políticas urbanas sostibles de universidades galegas, españolas e do norte de Portugal para debater sobre temas vencellados aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, participou nunha xuntanza de coordinación da Tribuna o pasado mes de xaneiro, na que tamén estiveron presentes os catedráticos das universidades de Santiago de Compostela, Rubén Camilo Lois, e da Universidade de Oporto, Jose Alberto Rio Fernándes. Deste xeito, acordouse elaborar un programa orientado cara a temas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 para crear cidades e comunidades sostibles. Ames foi escollida como sede da xornada por tratarse dun referente en políticas públicas na zona noroeste peninsular.
O evento terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e contará coa participación de recoñecidos relatores españois e portugueses. Ao acto de clausura asistirá o reitor da USC, Antonio López Díaz. Así, entre outros aspectos, abordarase o modelo de xestión dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar de Ames, a compra pública de produtos de proximidade, a redución de residuos e de compostaxe, a loita contra o cambio climático, o proceso de descarbonización e a mobilidade sostible.
A Tribuna constará de dúas conferencias e dúas mesas redondas. Os catro actos son de acceso libre e gratuíto. O acto inaugural arrincará arredor das 10:00. Ás 10:30, aproximadamente, dará comezo a charla impartida por Teresa Sá Marques, da Universidade do Porto, “Territorio, ordenamento e sustentabilidade”. Posteriormente, cara ás 11:00 horas, Helena Madureira (Universidade do Porto), Miguel Pazos, Xavier Vence, Victoria Otero (USC) e David Ramos (Universidade de Salamanca) participarán na primeira das mesas redondas, moderada por Rubén Camilo Lois.
Xa pola tarde, ás 15:30 horas, será a quenda de Oriol Nel·lo, da Universidade de Barcelona, que desenvolverá a conferencia central da Tribuna, “Modelos de cidade e corrección das desigualdades no marco das axendas urbanas”. Finalmente celebrarase unha segunda mesa redonda, “Cara a unha cidade socialmente xusta e democrática”, arredor das 16:30 horas. Nela intervirán Fátima Matos (Universidade do Porto); Pedro Chamusca (Universidade do Minho) e María José Piñeira, Ismail Irigoy, Cristina Botana e Francisco Durán (USC). O acto de clausura terá lugar ás 18:30 horas, e nel participará o reitor da USC, Antonio López Díaz.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, agradeceu que as distintas universidades aposten por debater en Ames, e animou á cidadanía e ao estudantado a asistir ás mesas redondas e ás conferencias. Así mesmo, puxo en valor que o Concello segue a colaborar “na organización de eventos e informes no ámbito educativo. Esta Tribuna será un encontro académico de primeiro nivel no contexto peninsular, e situaremos a Ames nos espazos de reflexión sobre o urbanismo sostible e a Axenda 2030”.