Pestanas principais

Este venres, 31 de xaneiro, comeza o programa Trouleando cun obradoiro de danza urbana

Mércores, 29 de xaneiro de 2020

Este venres, 31 de xaneiro, ponse en marcha o programa Troulenado (Findes para a mocidade), que desenvolve a Concellaría de Mocidade. Trátase dunha iniciativa a través do cal se organizarán diferentes actividades lúdicas, deportivas e culturais, durante as tardes - noites do fin de semana. Estas actividades en principio vanse a desenvolver nalgún dos fin de semana da última quincena de cada mes do ano. Dita iniciativa comeza cuns obradoiros de danza urbana, que se desenvolverán este venres, en horario de 19.30 a 21.00 horas, no anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Dende a Concellería de Mocidade elaboraron un programa de ocio para a xente moza mediante actividades lúdicas, deportivas e culturais, que se desenvolverán durante as tardes - noites dalgún dos fin de semana da segunda quincena de cada un dos meses deste ano. A programación destas actividades podería sufrir algunha variación dependendo da climatoloxía ou doutras circunstancias, pero en principio serán a segunda quincena de cada mes.

A primeira actividade do programa consiste nuns obradoiros de danza urbana, que se desenvolverán este venres, 31 de xaneiro, entre as 19.30 e as 21.00 horas, no anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta actividade desenvolverase tanto un obradoiro de improvisación e experimentación da danza urbana, onde de maneira creativa se xogará con movementos e pautas básicas da danza, para ir introducíndose nela, como un obradoiro coreográfico. Ata alí poderán achegarse todos os mozos e mozas que queiran practicar este baile e introducirse no mundo da danza urbana.

O programa Trouleando (Findes para a mocidade) ofrece una alternativa de ocio participativo e igualitario para a mocidade de todas as idades e para todos os gustos e intereses. Dentro do programa teñen cabida actividades de deporte aventura, saídas, diferentes encontros, actividades audiovisuais, danza urbana... e moitas outras actividades. Para ir coñecendo a programación de dito programa poderanse consultar as redes sociais da OMIX (Instagram e Facebook). Na páxina web municipal tamén se irá dando conta das actividades que se realizarán a última quincena de cada mes.

As actividades desenvolveranse nas instalacións municipais e prazas públicas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como no anfiteatro do Milladoiro, que se está executando, e no anfiteatro de Lapido que se construirá este ano. A maioría das actividades son de balde. Haberá algunhas nas que haberá que inscribirse previamente, pero anunciarase con suficiente antelación para que os/as interesados/as poidas apuntarse. A maior parte das actividades estarán dirixidas a mozos e mozas de 14 anos en diante.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Comeza o programa Trouleando cun obradoiro de danza urbana"

Trouleando: danza urbana

Multimedia

  • Trouleando: danza urbana