Pestanas principais

Este venres celebrouse a VI Gala do Deporte

Sábado, 10 de decembro de 2011

[10-12-2011] Este venres 9 de decembro, ás 20:30 horas, celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a VI Gala do Deporte organizada polo Concello de Ames coa que se premiou aos deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. O fútbol, o golf, o voleibol ou o atletismo foron algúns dos deportes protagonistas na gala do deporte amiense. Este ano o premio de recoñecemento especial recae no recentemente falecido José Víctor Ónega Carrera, profesor de Educación Física no IES de Ames desde o 1996, que foi o iniciador da práctica do voleibol no instituto de Ames. Esta foi a sexta edición dunha gala que cada ano premia o esforzo e a superación persoal no deporte amiense.


O Concello de Ames organizou a VI Gala do Deporte, que tivo lugar o día 9 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta gala premiáronse os mellores deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. Pepe Suevos exerceu de mestre de cerimonia e foi o encargado de presentar e conducir esta gala.

Este ano o premio ao mellor deportista masculino recaeu en Juan Pablo Fernández Rodrígues que practica atletismo. Juan Pablo é un atleta profesional de 31 anos. As súas probas son as de 800 e 1.500 metros e conta con importantes logros en distintos campionatos. Entre outros méritos conta cun subcampionato Sudamericano de Milla en Ruta no 2005, cunha final en 1500 metros nos Campionatos de Brasil Absolutos no 2007, cun campionato Galego de 1500 metros absoluto no 2008. Ademais disto participou en seleccións galegas de cross e pista entre os anos 2004 e 2008 e tamén foi internacional con Brasil nos Campionatos Continentais, quedando segundo no Sudamericano de Milla en Ruta.

O galardón de mellor deportista feminina foi para Marta Silva Zamora que practica golf. Marta, de 21 anos, pertence ao club de golf La Toja e entre outros logros conta xa con un campionato de Europa Sub 16 con España e un campionato de España Cadete conseguido no ano 2005. Ademais logrou un subcampionato de Europa Individual absoluto e un Campionato de España Absoluto no ano 2010. A parte disto ten o mellor promedio de golpes da historia da universidade de Georgia. Tamén foi membro dos equipos nacionais Subcampión de Europa absoluto e campión; e participante no Campionato do Mundo de Bos Aires, así como foi nomeada Xogadora do Ano 2010 pola Asociación Nacional de Adestradores dos Estados Unidos. Por último, hai que destacar que foi nomeada Premio Honda á mellor deportista universitaria dos Estados Unidos en 2010.

O premio de mellor promesa masculina recaeu en Rodrigo Iglesias Mosquera, xogador do equipo xuvenil de División de Honra do Real Club Deportivo da Coruña. Este rapaz, comezou a xogar ao fútbol no ano 2003 na Unión Deportiva Bastavales con 8 anos. Posteriormente pasaría á disciplina do SD Villestro, equipo no que estivo ata o ano 2005, ano no que ficha polo Real Club Deportivo da Coruña, sendo xogador da categoría alevín. Nesa mesma tempada gaña a Liga de Fútbol 7 e a de Fútbol 11, así como o campionato galego de clubs. Na tempada 2010-2011 xoga co xuvenil B en Liga Nacional, mentres que na presente tempada, sétima no Deportivo, xoga no equipo de División de Honra, máxima categoría Xuvenil do fútbol español.

Por outra banda, o premio a mellor promesa feminina foi para Lola Lizuain Puertas, xogadora Club Voleibol Bruxas. Lola ten 16 anos e desde fai 4 practica o volei. Comezou a afeccionarse a este deporte practicándoo no IES de Ames nas competicións de recreo que organizaba o profesor Víctor Ónega. Pouco despois participaría nos seus primeiros partidos oficiais co Club IES de Ames, na tempada 2008/2009. Na tempada pasada acadou os seus resultados máis destacados na súa, por agora, curta carreira deportiva. Estes foron, co equipo cadete o Campionato da Fase Interprovincial conseguindo o ascenso a Liga Galega, co equipo sénior o ascenso a 2ª División A Feminina e en volei Praia o subcampionato galego sub 17. Todo isto acompañado co logro máis importante que foi o Campionato de España Cadete coa Selección Galega, que se xogou en Cartaxena do 26 de Abril ao 1 de Maio do 2011.

Recoñecemento especial

Este ano o premio de recoñecemento especial recaeu no recentemente falecido José Víctor Ónega Carrera, profesor de Educación Física no IES de Ames desde o 1996. Ónega Carrera foi un docente moi preocupado por temas relacionados coa docencia do deporte, como queda constancia en libros publicados como Habilidades básicas na secundaria obrigatoria (1992) ou artigos como "Integración do alumnado con necesidades educativas especiais" (1999) na Revista Galega do ensino.

A nivel local foi o iniciador da práctica do voleibol no instituto de Ames, deporte que pouco a pouco foi gañando importancia, ata formarse o club de voleibol Bruxas. Tamén foi o encargado de coordinar e adestrar aos alumnos que participaban nas competicións de deporte escolar celebradas mentres estivo no instituto.

O galardón de mellor club foi para o Club voleibol Bruxas polo seu traballo e fomento do voleibol dentro do Concello de Ames. Este club retomou a súa actividade deportiva a pasada tempada 2010 - 2011 co fin de poder competir de forma federada en categorías inferiores cos equipos do instituto IES de Ames e en categoría sénior co equipo do Club Voleibol Bruxas. Os resultados máis destacados que se obtiveron nesta tempada foron: na 2ª división B feminina, Liga autonómica, acadou o segundo posto na liga regular e gañadoras na fase de promoción; na categoría Cadete feminina, acadou o primeiro posto na fase final do Campionato Galego Interzonal, acadando o ascenso a liga galega; na categoría infantil feminina, acadou o primeiro posto na fase zonal Santiago - Barbanza. En canto ao volei praia, acadou o primeiro posto no campionato de clubs na categoría sub 15 masculina.

Recoñecemento aos medios de comunicación

Este ano outorgouse un novo premio que recoñece o traballo dos medios de comunicación. Este galardón é para o Grupo El Correo Gallego, pola difusión que fai nos seus programas deportivos do deporte amiense, tanto nos xornais El Correo Gallego, Tierras de Santiago, como nos medios radiofónicos e audiovisuais de Radio Obradoiro co seu programa "O Regate" e Correo TV. O premio será recollido por Víctor Tobío Barreira, subdirector do Correo Gallego.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames premia a deportistas y clubes que destacaron este año y recuerda a un docente fallecido"