Pestanas principais

Este venres comeza a nova programación teatral coa representación da obra “O Lazariño de Tormes” a cargo da compañía Teatro do Morcego

Mércores, 01 de outubro de 2014

[01-10-2014] A programación teatral do curso 2014-2015 comeza este venres 3 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa representación da peza de teatro "O Lazariño de Tormes", unha obra que pon en escena Teatro do Morcego, compañía que interpreta unha adaptación de Celso Parada dun texto que é precursor da novela moderna. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 3 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

O mes de outubro comeza cunha intensa programación teatral no concello de Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 3 de outubro, ás 21:00 hora, a primeira das actividades culturais programadas para o último trimestre do ano 2014. Trátase da obra de teatro “O Lazariño de Tormes” da compañía Teatro do Morcego. Esta obra, que conta cunha duración aproximada de 60 minutos, está dirixida a público xuvenil e adulto.

O texto promocional desta peza de teatro indica que se conta “a vida de Lazariño de Tormes e das súas fortunas e adversidades”. Tratase dunha obra que pon en escena Teatro do Morcego, compañía que interpreta unha adaptación de Celso Parada dun texto anónimo publicado en 1554 e que é precursor da novela moderna. A través desta representación resáltase a pobreza, a fame e a miseria que existía no momento da publicación deste texto e que segue habendo na actualidade.

Esta compañía obtivo diversos galardóns e multitude de obras representadas avalan a súa traxectoria. Con esta obra, conseguiron o Premio Compostela ao mellor actor e o Premio María Casares á mellor versión. A compañía Teatro do Morcego foi fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e por Isabel Ávila, e mantén a súa actividade ininterrompida desde entón. Realizou importantes montaxes como: O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A Gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, etc.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 3 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Programación teatral para o mes de outubro
A programación teatral continúa o 10 de outubro. Nesta ocasión a compañía Rendrum Teatro representará na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “Currículum Vitae”, que está dirixida a público adulto. O venres 17, na Casa de Cultura de Bertamiráns, Carlos Blanco presenta a obra “Menú do día”, o 24, na Casa da Cultura do Milladoiro e dirixida a público infantil, preséntase a obra “As fabas Máxicas”, dirixida a público infantil. A programación de teatro de outubro remata o venres 31 coa presentación de “As mil vidas de Matías Houseman”, de Teatro do Adro, interpretada polo veciño de Ames Josito Porto que o ano 2013 acadou o premio María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación deste texto.