- Tematica
Por sexto ano consecutivo, o Concello de Ames sumouse á posta en marcha de diversas actividades co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase de propostas a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes, nesta edición baixo o lema “Espazo Público Compartido”. As dinámicas terán lugar os días 20, 21 e 22 de setembro. As persoas interesadas en anotarse aínda poden facelo escribindo ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. O programa inclúe unha andaina, xogos, música e unha marcha ciclista. Por mor da celebración destas xornadas, o sábado 21 quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro, en horario de 14:30 a 20:30 horas; e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, de 19:00 a 00:00 horas. Podes consultar os bandos informativos premendo nesta ligazón.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o emprego do transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Este ano, decenas de cidades e vilas sumáronse á campaña, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Espazo Público Compartido”, que busca fomentar un cambio de comportamento a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.
Programación da VI Semana Europea da Mobilidade de Ames
As actividades darán comezo este venres, 20 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna con saída dende a praza do Concello ás 22:00 horas. Trátase da actividade máis popular e que conta cun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Para esta actividade xa hai inscritas 117 persoas. Dende a Policía Local recordan que é preciso adoptar as medidas de protección necesarias para que a marcha se desenvolva dun xeito seguro, como empregar casco, luces e chaleco reflector, tres elementos imprescindibles.
O sábado, 21 de setembro, continúan as actividades co programa “Xogos en bici”, unha proposta de xogos populares en bicicleta orientados á rapazada de entre catro e doce anos. Desenvolverase dende as 17:00 ata as 20:00 horas no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro (en fronte da escola infantil). Ese mesmo día, a partir das 20:30 horas, DJ WANA ofrecerá unha sesión dj no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.
A programación pecharase o domingo 22 de setembro cunha andaina pola senda verde que une Milladoiro con Bertamiráns. A saída realizarase dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro, ás 10:00 horas. A veciñanza terá á súa disposición un bus para trasladarse dende Bertamiráns ata O Milladoiro e viceversa, unha vez rematada a actividade.
Inscricións
As persoas que desexen anotarse en calquera das actividades das tres xornadas deberán anotarse previamente, e poden facelo enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal. Os participantes da andaina pola senda verde que desexen gozar do servizo de autobús, tanto para a ida como para a volta, deberán indicalo no momento de facer a solicitude.