Pestanas principais

Este venres dan comezo as actividades da Semana Europea da Mobilidade

Xoves, 21 de setembro de 2023

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Ames sumouse á posta en marcha de diversas actividades co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase de propostas a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes, nesta edición baixo o lema “Combina e móvete!”. As dinámicas, que tiveron que ser adiadas por mor da previsión meteorolóxica, celebraranse finalmente os días 22, 23 e 24 de setembro. As persoas interesadas en anotarse aínda poden facelo escribindo ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Por mor da celebración destas xornadas, o sábado 23 quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro, en horario de 14:30 a 20:30 horas. Podes consultar o bando informativo premendo nesta ligazón

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o emprego do transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Arredor de 3.000 concellos europeos sumáronse á campaña deste ano, entre eles o Concello de Ames, baixo o lema “Combina e móvete!” e a temática da eficiencia enerxética.

Debido á ameaza de choiva para a fin de semana pasada, cando estaba previsto que se celebraran algunhas das propostas, as actividades trasladáronse aos días 22, 23 e 24 de setembro. Realizaranse unha marcha ciclista nocturna, xogos populares e unha andaina pola senda verde que conecta O Milladoiro e Bertamiráns.

Comezarase o venres 22, cunha marcha ciclista nocturna con saída dende a praza do Concello ás 22:00 horas. Trátase da actividade máis popular e que conta cun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Dende a Policía Local recordan que é preciso adoptar as medidas de protección necesarias para que a marcha se desenvolva dun xeito seguro, como empregar casco, luces e chaleco reflector, tres elementos imprescindibles.

O sábado, 23 de setembro, continúan as actividades co programa “Xogos sobre rodas”, unha proposta de xogos populares en bicicleta orientados á rapazada a partir de catro anos. Desenvolverase dende as 17:00 ata as 20:00 horas no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro (en fronte da escola infantil).

A programación péchase cunha andaina pola senda verde que une Milladoiro con Bertamiráns. Será o domingo 24 de setembro. A saída realizarase dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro, ás 10:00 horas. A veciñanza terá á súa disposición un bus para trasladarse dende Bertamiráns ata O Milladoiro e viceversa, unha vez rematada a actividade.

Como consecuencia das actividades que terán lugar o sábado 23, non se poderá estacionar no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro, entre as 14:30 e as 20.30 horas. Podes consultar o bando informativo na ligazón ao pé deste aviso. 

Inscricións
As persoas que desexen anotarse en calquera das actividades das tres xornadas deberán anotarse previamente, e poden facelo enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal. Os participantes da andaina pola senda verde que desexen gozar do servizo de autobús, tanto para a ida como para a volta, deberán indicalo no momento de facer a solicitude.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames celebra desde este venres a Semana Europea da Mobilidade"

Cartaz da Semana Europea da Mobilidade

Multimedia

  • Cartaz da Semana Europea da Mobilidade