- Tematica
O Concello de Ames finaliza este venres 29 de novembro a súa programación teatral deste segundo semestre do 2024, deseñada polo departamento de Cultura, coa representación da obra “Testosterona”, de Malasombra Producións, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo pecha o programa de artes escénicas do municipio destes derradeiros meses do ano e súmase así ás obras xa representadas este pasado mes de outubro, “Geometría del alma” e “Go Home”. Este espectáculo enmárcanse dentro da programación da Rede Galega de Teatros, subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Deste xeito, a comedia teatral "Testosterona" de Malasombra Producións, dirixida por Xoque Carbajal e protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia, pechará unha programación de artes escénicas municipal adaptada para todos os públicos, con obras orientadas tanto para o público infantil, como foi o caso da representación o pasado 18 de outubro no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro da peza “Geometría del alma” de Teatro Plus, tanto para o público adulto, coa representación do espectáculo “Go Home” da compañía Etiqueta Negra no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns tamén este pasado 18 de outubro.
“Testosterona” é unha peza que propón unha reflexión profunda sobre a desigualdade no ámbito laboral entre homes e mulleres por razóns de sexo, narrando así a historia da decisión que tomará o director dun importante medio de comunicación para tomar o relevo no seu posto. Deberá escoller entre un dos seus dous subdirectores; unha é muller, o outro home. Que influirá nesta decisión? A capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa?
Unha programación completa ao longo de todo o ano
Con estas últimas representacións, o Concello de Ames pecha o seu programa de artes escénicas deste 2024 que, a comezos de ano, ofertou un total de 12 entre os meses de xaneiro e maio. A proposta cultural incluíu espectáculos tanto danza como de teatro de distintos xéneros e temáticas para público adulto e infantil. As distintas pezas representáronse equitativamente nos auditorios das Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ás que asistiron un total de 1.877 persoas entre todas as representacións.
Entre as pezas representadas no primeiro semestre do ano, destacaron: Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro; Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste; Made in Galiza, de Sarabela Teatro; Hamelin, de Redrum Teatro; Chola a it girl; de Artes Acía, Esas cousas marabillosas; de Empatía Teatro; Sofá, de Marta Alonso; Ceibe, de Fran Sieira Compañía de danza; Hellen Keller, a muller marabilla?, do Grupo Chévere; e As R(h)umorosas, de Etiqueta Negra.
No referente á programación dirixida a público infantil, estivo conformada por dous espectáculos: un espectáculo de monicreques combinado con teatro: Solo, de Roi Borrallas, e unha comedia teatral: Voa Voa, de Talía Teatro.