Pestanas principais

Este verán volverá haber moita música co AmesOn e co Canta con Ames

Xoves, 11 de maio de 2023

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este xoves, 10 de maio, pola tarde, a presentación dunha nova edición dos programas AmesOn e Canta con Ames. O AmesOn de verán 2023 inclúe nove actuacións musicais para todos os públicos, que se van celebrar entre xuño e setembro. Para o concurso Canta con Ames xa están abertas as inscricións nas categorías infantil, xuvenil, sénior e súper sénior. As inscricións poden realizarse a través do correo amesnarua@gmail.com ata o 9 de xullo. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro e en Bertamiráns os días 21 e 29 de xullo. A semifinal será no Milladoiro o 4 de agosto e a final celebrase en Bertamiráns o 18 de agosto. O xurado do concurso estará composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, mentres que a presentadora será Loly Gómez. As bases do concurso poden consultarse premendo nesta ligazón.

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu este xoves, 10 de maio, pola tarde, a presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames. No acto de presentación participaron Blas García, alcalde de Ames, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, Ines Suárez Rey, que forma parte do xurado do concurso Canta con Ames, Rocío González, da produtora Mirabelle, e Mariña Rodeiro Jorge e Martina Mosquera Camino, as nenas que elaboraron o cartel da terceira edición do Canta con Ames. Tamén acudiron Jorge López e Bea López, presidente e secretaria de Xuntanza de Empresarios de Ames.

A concelleira de Promoción Económica explicou que Ames volverá a ter un verán cheo de ritmo e moita música cos programas AmesOn e Canta con Ames. Ademais, destacou que é unha ledicia poder volver a presentar estes programas que permitirán amenizar e dinamizar as rúas de Ames e que van axudar ao comercio e a hostalaría local.  

O alcalde dixo que a pesar de estar en período preelectoral houbo que presentar o Canta con Ames, porque é preciso abrir xa as inscricións, e ademais este ano esta presentación fíxose de xeito conxunto coa programación do AmesOn. Son eventos complementarios, que xunto co programa de Ames en Festas, que vaise presentar proximamente, teñen o obxectivo de dinamizar o verán de Ames, para que a veciñanza amesá e as persoas que veñan polo noso concello, o pasen ben ao tempo que axudan á economía local.

O alcalde e maila concelleira de Promoción Económica entregáronlle un agasallo a Martina Mosquera Camino, de 13 anos, e Mariña Rodeiro Jorge, de 10 anos, polo traballo que realizaron para crear o cartel que anuncia o concurso deste ano. As rapazas que son veciñas de Ames explicaron como fixeron o deseño do cartel.

III concurso Canta con Ames
O concurso Canta con Ames está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante.

As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto á seguinte dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. Tamén haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso. As inscricións poderanse realizar ata o 9 de xullo enviando un correo electrónico ao endrezo amesnarua@gmail.com. Na semana do 10 de xullo comunicaráselle, por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.

Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 21 de xullo, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 29 de xullo, tamén ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 31 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 2 de agosto de 2023 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Posteriormente, a semifinal será o 4 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 18 de agosto, ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Este ano o xurado do concurso estará composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Súarez, mentres que a presentadora será Loly Gómez Oviedo.   

Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames. (XEA).

Por outra banda, aos 8 participantes que chegaran á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Programación do AmesOn 2023
Por outra banda, volve por cuarto ano consecutivo o programa “AmesON de verán” con música para todos os gustos e idades durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O programa está composto por 9 actuacións musicais dirixidas a adultos e nenos/as. O programa comeza o venres 23 de xuño, ás 21.00 horas, coa actuación da Banda da Balbina no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

Para o mes de xullo están programadas dúas actuacións. O sábado 1 de xullo, ás 19.30 horas, actuará Brais das Hortas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro; e o sábado 15 de xullo, ás 21.00 horas, celebrarase a Festa dos Djs no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

En agosto haberá catro actuacións máis. O sábado, 5 de agosto, ás 21.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, actuará o grupo Tacón Gitano. O luns 7 de agosto, ás 19.30 horas, tamén na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, haberá música para o público infantil e familiar a cargo de Pitusa Semifusa.

En Bertamiráns tamén haberá dúas citas durante o mes de agosto. O martes 8, ás 19.30 horas, na praza de Chavián actuará Paco Nogueiras; e o sábado 12, ás 21.00 horas, actuará o grupo Los Mecánicos no parque do Ameneiral.

O programa AmesOn pecharase o domingo, 3 de setembro, no Milladoiro coa actuación da orquestra Olympus. Será ás 19.00 horas no aparcadoiro do Supercor. Actuarán como abre concerto as gañadoras/es da terceira edición do Canta con Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Música a fartar con Canta por Ames, AmesOn e actuacións en parroquias"

Imaxe da presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames
  • Imaxe da presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames
  • Imaxe da presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames
  • Imaxe da presentación dos programas AmesOn e Canta con Ames
  • Cartaz do programa AmesOn 2023
  • Cartaz do programa Canta con Ames 2023